Na tardiña deste mércores 5 de marzo e tras o colorido desfile de onte polas rúas, A Rúa despedía definitivamente o Entroido co tradicional enterro da Sardiña. Ás oito da tarde abríase o velorio de “Dona Sardiña do Atlántico e Cantábrico, viúva de D. Carnal que faleceu na Penela ós sabe Deus cantos anos de idade” no adro da igrexa de Santo Estevo.
Entre loitos, choros (e risas) e tamén bandexas de bica e licores, os veciños velaban e dábanlle o adeus a sardiña. Despois, o bispo iniciaba o ceremonial e tras rezar unha singular oración de tono satírico, daba paso á procesión. “Deamos unha volta no seu honor, antes de proceder á súa incineración”, dicía, antes de que a comitiva encabezada pola Sardiña, o bispo, o cura, o monaguillo e as monxas percorrese entre cánticos e berros das choronas A Rúa Vella ata rematar na praza César Conti, onde seguidamente era queimada xunto aos lardeiros colgados da farola central da praza.
O enterro da Sardiña, organizado pola Agrupación Teatral A Rúa coa coa colaboración do Cobcello, completábase cunha merenda a base de bocadillos de sardiña e viño para os asistentes.


Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.



