A RúaConcellosÚltima horaVídeos

A Rúa inicia o proceso para desafectar catro novas vivendas para uso público

 

Tres días despois da data fixada periodicamente e cun minuto de silencio por todas as vítimas da DANA, comezaba na tarde do xoves 7 de novembro o Pleno ordinario no Concello da Rúa.

Unha sesión na que se aprobaba unha proposta relativa á desafectación de catro novas vivendas do 2º e 3º andar do edificio sito na avenida de Vilela Nº 32, para uso público. “Neste momento dispón delas o CEIP Manuel Respino,  xa que no seu día estaban adicadas fundamentalmente a vivenda para os mestres, deshabitadas xa dende hai moito tempo, polo que entendemos que igual que fixemos coas outras, sería bo desafectalas e que pasasen ao Concello para dispoñer delas e darlle un uso público como intenta dárselle ás outras”, expoñía o concellerio do PSdeG-PSOE, Luis Fernández Gudiña.

Conforme á lexislación establecida, o Concello necesita a perceptiva autorización da Consellería de Educación que solicitarán trala aprobación no Pleno cos 6 votos a favor do RUA, PSdeG-PSOE e BNG e as 5 abstencións do PP.

 

 

Luis explicou que con este paso, “todo o edificio que no seu día pertenceu a Educación, agora pasará a ser propiedade do Concello que terá a posibilidade de arranxalo sen necesidade de pedir autorización a ningunha outra Administración”. En caso de necesidade, dada a alta demanda do Albergue de Peregrinos Municipal que se atopa no primeiro andar, utilizarían esas vivendas para a súa ampliación, dixo Luis, engadindo que irán arranxando as outras vivendas que xa teñen desafectadas para poñelas a disposición da xente que as necesite como vivendas sociais, avanzando que en breve “adxudicaremos a primeira”.

A sesión plenaria de onte tamén daba luz verde á aprobación dun suplemento de crédito de 15.030 euros para a partida na que se encontra entre outros temas cultura e festas. Por unanimidade se aprobaba a renovación do convenio coa rede de bibliotecas da Xunta; e cos votos en contra do PP saía adiante unha moción do BNG rexeitando “os taxazos de Sogama” que suporán un constante incremento do custe do tratamento do lixo para os veciños da Rúa, instando a “un xiro da política de residuos, primando e incentivando a recollida selectiva, a reutilización e a reciclaxe, fronte ao custoso e antiecolóxico sistema Sogama baseado na incineración”.

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button