En apenas uns meses que leva en marcha a Fundación Florencio Delgado Gurriarán xa leva avanzadas varias iniciativas e, trala exitosa convocatoria do Premio de Poesía, vén de asinar un convenio de colaboración cos representantes dos concellos da Rúa, O Bolo e Petín.
Este acordo, que se renovará anualmente, era asinado na mañá deste martes 29 de outubro no Concello da Rúa, pola alcaldesa deste municipio, María González Albert, pola alcaldesa de Petín, Raquel Bautista e polo alcalde do Bolo, Alberto Vázquez. Como representante da Fundación asinaba Elva Delgado, secretaria da Fundación.
Trátase de acordos específicos para cada concello e que xa foron aprobados en pleno. No acto de sinatura a directora da Fundación, Débora Álvarez Moldes destacou a importancia destes acordos que “implican unha aportación económica proporcional ao número de habitantes e garanten que as actividades da Fundación porán o foco en todo o territorio”. O resto de municipios que xa adiantarono seu apoio á institución son O Barco de Valdeorras, Vilamartín de Valdeorras e Larouco, se ben “aínda se atopan en proceso de aprobar o acordo en pleno”, puntualizou Débora.
Os fondos aportados polos concellos representan unha parte da estrutura financiera do ente, que se apoia tamén na colaboración da Deputación de Ourense para a posta en marcha da actividade e a celebración do Premio de Poesía.
Entre as actividades que se levarán a cabo de agora en adiante, a directora da Fundación avanzou que nesta semana presentarán a Valentín García, director xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, un dos proxectos estrela da Fundación, a creación dun dicionario de valdeorrés en liña. “Este dicionario, que retoma un dos traballos iniciados por Florencio e despois continuado por outros estudiosos, como Camilo Valdehorras, Francisco Cobo ou Concha Álvarez Pousa será un proxecto colaborativo no que se quere implicar aos centros educativos, asociacións e residencias da terceira idade. O obxectivo é acadar o apoio de Política Lingüística para o seu desenvolvemento”, dixo Débora.
Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.