ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

A Rúa recibe entre bailes a II edición do CarnaVrao

Ás 19:30 horas comezaba o desfile de comparsas e folións que dende a Cooperativa Virxe das Viñas amenizaron a xornada ata a rúa Doutor Vila, onde se entregaron os premios ós gañadores

Con este desfile, que tivo lugar ás 19:30 horas de hoxe, A Rúa celebraba con ritmo esta II edición do CarnaVrao, despois do éxito do pasado ano. Comezaba a apertura o grupo “Pandeiro”, a cargo da Asociación Sociocultural San Cristóbal, un grupo de sete brasileiros que daban a benvida con moita samba. Seguidamente ían os sete grupos participantes, que entre comparsas e folións amenizaron a tarde noite na Rúa.

As comparsas e folións saíron entremezclados dende a Cooperativa Virxe das Viñas, recorrendo o longo da rúa ata chegar a Doutor Vila, onde numerosos bares con música e orquestras esperaban con música e festa o remate do desfile. Entre eles, atopábamos a comparsa “Os Hippies”, cun auto de época ambientado para a ocasión.

O grupo “México Lindo” conformábano unhas 40 persoas, a maior parte mulleres, cunha carroza espectacular chea de flores e detalles que representaban á perfección as cores mexicanas. “Pachá Rúa” de 15 participantes, con motivos ibicencos e acompañados de Pocholo, facía referencia á coñecida discoteca Pachá, aínda que en vez de cereixas, o símbolo eran as uvas. Por último o grupo de “As Sevillanas”, un conxunto de mulleres que ó son do flamenco foron das máis festivas da tarde. Tres foron os grupos de folións que participaron nesta edición, “O Folión de Petín”, “Os Arrieiros” (Petín) e “Os Viticultores” (Vilamartín), encargados de facer mover o corpo a tódolos que saíron a recibir o entroido esta tarde de verán.

Os premios recibíronse unha vez finalizado o traxecto. No primeiro posto de comparsas quedou “México Lindo”, con 150 euros e no segundo “As sevillanas”, que recibiron unha aportación de 100 euros. No caso dos folións non souberon decidir, e por unanimidade se lles agasallou cun premio de 300 euros a repartir a partes iguais entre os tres grupos. Pedro “O Raio” foi o gañador dos 50 euros do premio de disfraz individual, engalanado do oeste.

Texto: Carlota Pérez de Juan Burgos

Fotografías: Carlota Pérez de Juan Burgos

 

Back to top button