ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

“A Rúa ten memoria, 20 anos desta historia”

Unha manifestación percorría na tarde do 1 de febreiro o centro desta vila coreando consignas como esta en defensa dun novo centro de saúde e da sanidade pública

 

“Loitamos polo noso centro de saúde, por unha atención primaria digna en Galicia, polo Hospital Comarcal de Valdeorras, polo noso dereito a ter a atención sanitaria que nos corresponde aos galegos do século XXI e seguiremos loitando ata que o consigamos”. Deste xeito finalizaba o manifesto que lía unha veciña da Rúa na praza do Concello ao termo da manifestación que na tarde do 1 de febreiro percorría as principais rúas desta localidade para pedir un novo centro de saúde e para defender a sanidade pública.

Neste manifesto tamén se lembraba que hai un ano comezaban as concentracións semanais que, primeiro os luns e agora os xoves, se veñen realizando na Rúa en defensa “dunha atención primaria digna e dun novo centro de saúde. O actual ten 30 anos e está totalmente colapsado e falto de espazo para unha axeitada atención e, como exemplo, o cuarto de caldeira que está servindo como depósito de material, co perigo que iso conleva. Levamos 20 anos reclamando un novo centro de saúde”. Ademais agradecíase a asistencia a este acto, con presenza de veciños de diferentes concellos de Valdeorras e de comarcas veciñas, de representantes políticos e sindicais, así como o apoio da Plataforma Sanitaria de Valdeorras.

A marcha, convocada pola Plataforma Sanitaria da Rúa, partía dende o Centro de Saúde da vila e reunía a unhas 1.500 persoas que durante o traxecto coreaban consignas como “Se non protexes o teu hospital a comarca vai moi mal”, “Basta xa de dilación, veña xa unha solución”, “Se escoita, se sente, o novo centro está presente” ou “A Rúa ten memoria, 20 anos desta historia”.

Tampouco faltaban cánticos alusivos á sinatura onte venres, 31 de xaneiro, dun acordo entre o Concello da Rúa, a Deputación de Ourense e a Consellería de Sanidade para a construción do novo centro de saúde. “¿Onde están os terreo, os terreos onde están? ¿Onde están os terreos, os terreos para obrar?”, cantábase.

Entre os asistentes a este acto reivindicativo estaban tres deputados autonómicos: Davide Rodríguez (En Marea), Noela Blanco (PSdeG-PSOE) e Noa Presas (BNG), que amosaban o seu apoio aos rueses e valoraban de maneira moi positiva o resultado esta manifestación.

 

 

“Foi un éxito na Rúa xuntar a tantas persoas. A xente ante unha inxustiza e un recorte, outra vez, nun dereito fundamental como pode ser a sanidade, se mobiliza e sae á rúa. Dende En Marea vemos que este é outro episodio máis de peche de servizos públicos elementais, outro episodio máis de discriminación cara unha provincia como é a de Ourense, co engadido de que volve ser outro episodio máis para unhas das comarcas máis alonxadas como son as de Valdeorras e Trives. Esixímoslle a Feijóo que restitúa todos os servizos públicos que quitou e que está quitando da sanidade pública e tamén ese novo centro de saúde que merece A Rúa porque, tanto poboacionalmente como pola demanda que ten, o centro de saúde actual non é suficiente. E que dote de medios técnicos e persoais o centro da Rúa tamén”, aseguraba Davide Rodríguez.

Pola súa banda, a socialista Noela Blanco, comentaba que “volvemos estar, unha vez máis, en Valdeorras apoiando á súa veciñanza como temos feito en tantas ocasións, por unha sanidade digna e contra os recortes que leva feito o señor Feijóo nos últimos anos. Estamos abraiados do que vimos onte, un acto de covardía intentando enganar aos rueses despois de moitos anos de desidia. Hai un mes o PSdeG levaba unha iniciativa ao Parlamento de Galicia sobre o centro de saúde da Rúa e foi o PP quen impediu que dende o Concello se axilizara a tramitación de todo ese expediente deses terreos para construír o centro e tamén de dotar orzamentariamente ese centro, que está desaparecido en combate para os orzamentos do 2020”.

Xunto a Blanco, o concelleiro socialista na Rúa, Luis Fernández que foi alcalde na anterior lexislatura, engadía que “estamos xa acostumados a este tipo de estratexias do PP. Xa o vimos coa instalación do ascensor no Centro de Saúde. Sacaron un convenio que non serviu para nada, houbo que refacelo e en principio o Concello ía poñer o 10% do custe e ao final acabou poñendo o 50% e hoxe temos ascensor porque o Concello o intentou por todos os medios”.

Tamén a deputada nacionalista Noa Presas amosaba o seu apoio á veciñanza de Valdeorras “que hoxe sae en loita, hai que recoñecer o traballo dos rueses concentrándose diante do seu centro de saúde cada semana durante un ano, así como a defensa inquebrantable que fai a Plataforma Sanitaria de Valdeorras do hospital comarcal e tamén recoñecer a mobilización da veciñanza de Rubiá para aumentar o seu número de médicos. O PP vai intentar desmantelar todos os servizos comarcais como vimos en Verín, algo que só se parou coa mobilización popular”.

Presas cualificaba tamén de “escándalo” o “xesto que vimos onte, escenificaron unha obra de teatro vendendo a moto de que está todo conseguido para o novo centro de saúde cando levan paralizando o tema durante toda a lexisltura dende o PP”. E adiantaba que o vindeiro mércores preguntaralle ao conselleiro de Sanidade no Parlamento galego sobre “o novo centro de saúde da Rúa e polo estado de saúde da sanidade en Valdeorras e terá que dar explicacións con datos e non con cortinas de fume que o vimos esta semana”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button