Divertida, apta para todos os públicos e gratuíta. Así foi a sesión de zumba que, tal como estaba previsto, se celebraba na tarde deste mércores 17 de agosto no campo de San Roque, na Rúa.
Da man na monitora, Raquel, e coa colaboración doutros membros da Asociación Sabugueiro, a actividade reunía a un bo número de participantes que bailaron, brincaron e desfrutaron seguindo o ritmo en clave de humor.
A sesión de zumba é unha das actividades incluídas dentro do programa das festas de San Roque, na Rúa Vella, que comezaban onte co pasarrúas de Abertal, a misa campestre e cine ao aire libre (estaba previsto na praza do Arroio pero finalmente proxectábase no adro da igrexa de Santo Estevo debido á chuvia), e continuará mañá co concurso de talentos na praza César Conti a partir das dez da noite.
No decurso do ‘Got Talent’ feito na Rúa Vella sortearase un estuche de viño e unha cesta para o cal a Asociación Sabugueiro estivo vendendo rifas.
Fotos cedidas.