En portadaÚltima hora

A Rúa, Vilamartín de Valdeorras e Vilariño de Conso, entre os concellos que reciben cadansúa coitela quitaneves

A entrega ás AVPC tiña lugar no mediodía deste venres 18 de novembro na zona do Aguillón, na Rúa

 

Na mañá deste venres 18 de novembro, o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participaba na Rúa na entrega de cadansúa coitela quitaneves aos concellos ourensáns da Gudiña, A Rúa, Baños de Molgas, Vilamartín de Valdeorras e Vilariño de Conso, aos lucenses de Cervantes e Meira, e ao pontevedrés de Lalín. Un material de emerxencia para actuar no caso de nevadas nos municipios cunha altitude media superior aos 800 metros, segundo o establecido no Plan NEGA, que supuxo un investimento de 51.600 euros por parte da Xunta.

 

 

Trátase de coitelas dotadas de reforzos traseiros e con rodas integradas para facilitar a súa montaxe e desmontaxe. Cunha anchura de limpeza de case dous metros, dispoñen ademais de mando a distancia e sistema de mans libres, así como dun sistema de autodiagnóstico que permite identificar calquera problema eléctrico que lle afecte ao funcionamento.

Ao acto acudían, entre outros, membros das corporacións municipais así como das diferentes Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil.

 

 

Neste marco de acción e xa ao abeiro da orde de 2022, dotada con máis de 1 millón de euros, “vanse conceder oito vehículos todoterreo, oito remolques, 30 tendas de campaña, oito coitelas, 20 esparexedores, 13 embarcacións pneumáticas duns catro metros de eslora e 120 desfibriladores externos”, adiantan dende a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. A iniciativa, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e destinada a concellos de menos de 50.000 habitantes, supuxo nos últimos anos un investimento de case 600.000 euros en equipamento específico para facerlle fronte ao risco de nevadas e xeadas.

 

 

Segundo sinalou Santiago Villanueva, a iniciativa enmárcase no “compromiso da Xunta cos servizos de emerxencias dos concellos, pese a tratarse dunha competencia municipal no caso das localidades de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos de menor poboación”. Este apoio manterase nos orzamentos de 2023, nos que se destina novamente 1 millón de euros á dotación do equipamento necesario. Esta contía súmase ao investimento histórico de 24 millóns de euros desde 2009.

 

 

Entre o material cedido aos concellos neste período, tanto agrupacións de Protección Civil como GES, inclúense 208 vehículos todoterreo, 187 remolques de emerxencias, 123 tendas de campaña de emerxencias, 98 esparexedores de sal, 70 embarcacións, 65 furgóns de emerxencias e 23 de servizos varios, 34 equipos de excarceración, 43 coitelas quitaneves, 21 motobombas, 4 UTV e 212 equipos de protección individual contra a vespa velutina. No caso concreto das AVPC destacan 182 vehículos tipo pick-up e 170 remolques de emerxencias xunto con material específico para facer fronte ás emerxencias nos concellos de montaña onde son frecuentes nevaradas e nos costeiros ou con encoros.

 

 

 

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button