EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A Ruta do Viño de Valdeorras marida viño con cinema en dúas actividades en xullo

Unha delas será a cata "Viños de película", prevista para o 24 de xullo ás 21h. no adro de San Estevo (A Rúa)

 

Cinema e viño combinaranse neste mes de xullo en dous novos eventos culturais para “ofrecer experiencias únicas e enriquecedoras”. Así o vén de anunciar a Ruta do Viño de Valdeorras, que promoverá estas iniciativas en colaboración co Instituto de Estudos Valdeorreses, a Asociación Casino do Barco e o Concello da Rúa.

Así o vindeiro xoves 18 de xullo, ás 20:30 horas, terá lugar a proxección do documental “Covas de Valdeorras” no primeiro andar do Casino do Barco. Este documental, dirixido por Cristina da Torre, explora as tradicionais covas da rexión de Valdeorras, coñecidas polo seu uso na vinicultura. Tras a proxección, celebrarase un coloquio seguido dunha degustación de viños, permitindo aos asistentes profundar na rica cultura vinícola da zona.

 

 

Ademais, o mércores 24 de xullo, ás 21:00 horas, o adro da Igrexa de San Estevo na Rúa de Valdeorras será o escenario dunha cata comentada titulada “Viños de película”. Este evento, que contará coa participación de Cecilia Fernández e Cristina da Torre, descubrirá os viños detrás das historias cinematográficas, ofrecendo unha oportunidade única de degustar e aprender sobre os viños de Valdeorras nunha contorna histórica e cultural.

Debido ao aforo limitado, recoméndase aos interesados inscribirse con antelación a través da páxina web rutadelvinovaldeorras.com. A actividade ten un custo de 10€ por asistente.

“Estes eventos forman parte do continuo esforzo da Ruta do Viño Valdeorras por promover a cultura e o patrimonio vinícola da rexión, en colaboración coa Deputación de Ourense”, explican dende esta entidade que preside Joaquín Sánchez.

 

Back to top button