CulturaCulturaÚltima hora

A sala de exposicións de Santa Leonor, en Trives, acolle a mostra “Nós tamén fomos emigrantes”

A inauguración tiña lugar na mañá deste mércores 21 de xullo

 

Dende hoxe e ata o 30 de agosto, a sala de exposicións de Santa Leonor, na Pobra de Trives, acollerá a mostra “Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española no século XX”. Unha selección de corenta fotografías da emigración, tanto española como galega, procedentes dos arquivos da Axencia EFE que ten como obxectivo “tratar de achegarnos a esa realidade histórica a través dunha síntese fotográfica das migracións mediante a mirada profesional e humana dos fotoxornalistas da época”.

 

 

A inauguración da exposición tiña lugar na mañá deste mércores 21 de xullo, cun acto que contaba coa asistencia da coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano, do director da oficina de ABANCA en Trives, Rubén Vázquez e da concelleira de Servizos Sociais, Igualdade, Sanidade e Educación e Cultura, Cristina Paz Elías, que agradeceu, en nome do Concello a implicación da entidade coas poboacións máis pequenas “para traer facer accesible a cultura á xente do rural, e especialmente con algo tan importante como é o tema da emigración cunha representación moi alta nesta zona”, dixo a edil, asegurando que as fotografías falan por si mesmas “e vai ser moi emotivo”.

 

 

A exposición enmárcase no proxecto «Corrente cultural» que propicia a colaboración entre o Concello da Pobra de Trives, ABANCA e Afundación que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo e grazas ao cal “impulsamos a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade”, aseguran dende ABANCA.

A mostra poderá visitarse en horario de mañá, de 10 a 13:30h. durante este mes de xullo. En agosto informarase sobre o novo horario.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button