Sabían que estaban ante un gran equipo e que ía ser un partido moi duro e complexo. E así foi. A selección española do valdeorrés Lucas Mondelo loitaba na noite do 29 de setembro en Teneferie por facerlle fronte a unha Australia que chegaba invicta e que baseaba todo o seu esquema de ataque nunha única xogadora, Cambage, quen chegaba a anotar máis de trinta puntos. Aínda que o bo traballo despregado polas españolas facía sufrir ás rivais, non daba os seus froitos e vían como a praza para a final con Estados Unidos quedaba en mans de Australia.
Era esta selección quen comezaba o encontro adiantándose e completando o primeiro cuarto con 15/23. Nos seguintes dez minutos de xogo España poñía en marcha unha excelente defensa e aproveitaba os minutos nos que Cambage non estaba en pista, chegando a igualar o marcador a 30 e rematando este segundo cuarto cun punto por diante (35/34). Tamén resultaba positivo para as de Mondelo o terceiro cuarto, que concluía cun triple de Laia Palau co que España se colocaba oito puntos por diante de Australia.
Sen embargo, no derradeira cuarto do partido a selección española atascábase nos puntos e sufría mantendo unha boa defensa pero vendo como os tiros non entraban, mentres as australianas seguían anotando e chegaban ao final do tempo de xogo cun marcador de 66 a 72. Un resultado que as convertirá nas rivais dos Estados Unidos na final.
Agora España terá que loitar polo bronce. Será nun novo partido fronte a Bélxica no que terá a oportunidade de quitarse a espiña cravada tras perder neste mundial con esta mesma selección o 25 de setembro.