O Teatro Lauro Olmo do Barco acollía esta mañá o acto de presentación da vindeira edición da Semana de Cine do Barco do Cine Club Groucho Marx, que se desenvolverá do 23 ao 31 de agosto. Unha edición na que se lle renderá homenaxe ao historiador Antonio Castro Voces, natural de Quereño (Rubiá), que falecía o pasado xaneiro.
Unha homenaxe que xa plasmaron os autores do mesmo (Chere e Susana Ferradás) no cartel e que se materializará tamén o 30 de agosto coa concesión da “Butaca de honra” a título póstumo a este investigador valdeorrés.
A programación contará con dous apartados: o cinema de actualidade (con oito títulos) e cinema infantil (con catro). O acto inaugural está previsto para o vindeiro 23 de agosto e terá como limiar a apertura dunha exposición dos artistas Susana Ferradás, Gerardo Rodríguez “Chere” e Vanessa Rodríguez ás 19:30h., despois proxectarase (con entrada de balde) do filme “Dragón blanco” de R.E. Marini e D. Santamaría. Xa pola noite ás 23:30h. está prevista a actuación musical na praza Maior do Barco de Sito Trío.
Outra das novidades desta edición será o taller de Sumi-e xaponés que impartirá a creadora Vanessa Rodríguez.
Fotos cedidas.



