CulturaCulturaÚltima hora

A serie “Hierro”, con produción executiva do petinés Alfonso Blanco, acada catro Premios Mestre Mateo

"O que arde" de Oliver Laxe era o filme máis recoñecido da gala con seis galardóns: mellor longametraxe, mellor dirección, dirección de arte, dirección de fotografía, montaxe e son

Os premiados nesta edición dos Mestre Mateo, ao final da gala./ Foto: Academia Galega do Audiovisual.

 

“Hierro”,  a serie de Portocabo, Movistar +, ArTe France e Atlantique Productions (con produción executiva do petinés Alfonso Blanco), continúa sumando recoñecementos. E, nesta ocasión, na casa. Na noite do sábado 7 de marzo tiña lugar no Pazo da Ópera da Coruña a gala dos Premios Mestre Mateo (presentada por Patricia Vázquez) nos que esta serie sumaba ata catro disticións: o premio a Mellor Serie de Televisión, ademais de Mellor Dirección de Produción para Ana Míguez, Mellor Guión para Pepe Coira, Fran Araújo, Araceli Gonda, Coral Cruz e Carlos Portela e Mellor Música Orixinal para as composicións de Elba Fernández e Xavi Font.

Especialmente galardoada resultaba ademais a terceira longametraxe de Oliver Laxe “O que arde”, que se impuxos en seis das doce categorías nas que optaba a premio: Mellor Longametraxe -Miramemira, 4A4, Kowalski Films e Tarántula- , Mellor Dirección para Oliver Laxe, Mellor Dirección de Arte para Samuel Lema e Curru Garabal, Mellor Dirección de Fotografía (Mauro Herce), Mellor Montaxe(Cristóbal Fernández) e Mellor Son (David Machado, Amanda Villavieja, Sergio Silva e Xavi Souto).

 

Oliver Laxe, con parte do equipo do filme “O que arde”./ Foto: Academia Galega do Audiovisual.

 

Por outra banda, “Quen a ferro mata”, que partía como favorita con quince candidaturas, lograba tres premios: o de Mellor Actor de Reparto para o lembrado Xan Cejudo, Mellor Actriz de Reparto para María Vázquez e Mellor Maquillaxe e Perruquería para Susana Veira e Beatriz Antelo.

Da adaptación para a pantalla do éxito teatral da compañía Chévere “Eroski-Paraíso” foron recoñecidos os seus intérpretes principais: Miguel de Lira e Patricia de Lorenzo, nas categorías de actor e actriz protagonista. Dous galardóns obtivo tamén “Segredos, desmontando Galicia”: o de Mellor Programa de Televisión e Mellor Realización para Marcos Barrios Carreira.

“Manoliño Nguema”, producido por Filmika Galaika, facíase co premio ao Mellor Documental mentres que “Antes de perder”, de RTVE e Cósmica Producións, ganaba o galardón á Mellor Serie Web. “16 de decembro”, dirixida por Álvaro Gago, conquistou o de Mellor Curtametraxe de Imaxe Real e “Homomaquia” de David Fidalgo Omil o de Mellor Curtametraxe de Animación. “Santiago cidade de cinema”, de Islandia Producciones, fixo o propio co de Mellor Anuncio e “Esquimales” (Heredeiros da Crus) de Xaime Miranda, co premio ao Mellor Videoclip.

O traballo de María Fandiño en “Lobos e Cordeiros” conseguía o premio á Mellor Vestiario, mentres que Lucía Regueiro obtivo o premio de Mellor Comunicadora polo seu traballo en Bamboleo. Ademais de premiar a excelencia dos profesionais e producións do ano, a Academia aproveita os Mestre Mateo para recoñecer a traxectoria de profesionais relevantes do audiovisual en Galicia co Premio de Honra Fernando Rey, que este ano foi para o proxeccionista do CGAI-Filmoteca de Galicia José María Rodríguez Armada, Chema.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button