
As marionetas da pintora Lola Doporto coas súas inquietantes mirada, volven poboar o escaparte de Miranda Moda, na céntrica avenida Conde Fenosa do Barco. Esta artista natural de Millarouso (O Barco) regresa ao que foi a súa primeira sala de exposicións alá polo verán de 2016, dentro do proxecto MirArte.
Dende entón o seu estilo, temáticas e técnicas teñen ido evolucionando, pero sempre mantendo unha forte personalidade que fai única e enormemente atractiva a súa obra. Expoñía neste mesmo espazo no verán de 2020 e no mes de decembro dese mesmo ano, así como en decembro de 2021 e, agora, tras pasar por salas ourensás, doutros puntos de Galicia e mesmo de Madrid, volta a Miranda Moda.

Así esta é a cuarta ocasión na que a súa obra poderá contemplarse neste escaparate. A escolma de obras da mostra achegan a unha pintora fiel ao seu estilo, con óleo e paleta, cos seus personaxes característicos acompañados de aves. Apréciase unha evolución dende “as primeiras marionetas e mulleres serias e observadoras, case inmóbiles, ata as mulleres cheas de orgullo que se amosan seguras de si mesmas”, explica a autora.

Son figuras plenas de cor, con vestimenta elaborada “case con filigranas e acompañadas de paxaros formidables na actitude e plumaxe”. Nesta ocasión tamén chama a atención a súa faceta de retratista, menos coñecida, en cadros como de Curros Enríguez, “pleno de cor e vida”, e de Celso Emilio Ferreiro, “con xesto alegre e vital”.
Esta exposición poderá verse ata finais de novembro no escaparate de Miranda Moda no Barco.
Fotos cedidas.
