SanidadeÚltima hora

“A situación epidemiolóxica da área sanitaria comeza a ser moi preocupante”

O xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, Félix Rubial, valora a situación da provincia, onde se superan os 2.000 casos activos de Covid

O xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, Félix Rubial.

 

Seguen imparables as cifras de contaxios de Covid na provincia de Ourense, con 2.014 casos activos, segundo os últimos datos publicados pola Consellería de Sanidade (actualizados ás 18h. do 18 de xullo), e tamén as hospitalizacións.

“A situación epidemiolóxica da área sanitaria comeza a ser moi preocupante con máis de 2.000 casos activos, cun número de casos que multiplica por dez os existentes a primeiros do mes de xullo e cunha distribución que nestes momentos deixa tan só deixa 16 dos nosos concellos sen casos activos”, destaca o xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, Félix Rubial.

Ademais, matiza que esta concentración de casos prodúcese, fundamentalmente, en tres comarcas, “que son a área que conforma Ourense-Barbadás, cun 65% dos casos, pero paulatinamente vaise estendendo aos concellos limítrofes; e igual acontece cos concellos do Barco e do Carballiño, onde tamén se está a producir un aumento dos casos activos nos municipios limítrofes”.

Co fin de detectar positivos asintomáticos, a área sanitaria ourensá ten previsto realizar dous novos cribados poboacionais. “Para intentar seguir buscando estes casos activos asintomáticos, teremos senllos cribados que se realizarán hoxe para a comarca de Ourense en Expourense e mañá para a comarca do Carballiño no Pazo Paco Chao da capital do Arenteiro. Estamos a falar de que citaremos a 3.000 persoas para cada un dos cribados, polo tanto facemos un chamamento á participación daqueles mozos e mozas entre 16 e 35 anos que son os chamados á realización destas probas”, sinala Félix Rubial.

Tamén preocupan e moito as cifras de ingresos por Covid. “Asistimos con moita preocupación ao que está producíndose na hospitalización, a día de hoxe, temos 36 persoas, 4 delas en Coidados Intensivos, e vemos paulatinamente un crecemento da idade media das persoas ingresadas, a día de hoxe esa cifra sitúase nos 59 anos, pero podemos dicir tamén que o 40% dos casos activos xa teñen máis de 70 anos nas persoas hospitalizadas”, resalta o xerente da área sanitaria ourensá.

Prosegue a vacinación contra o Covid na provincia

Entre tanto, continúa o proceso de vacinación contra o Covid na provincia. “Neste caso temos mellores noticias, son 400.000 as doses xa administradas, estamos rondando as 200.000 persoas coa pauta de inmunización completa, o que representa un 69% das persoas que compoñen o grupo diana de vacinación, que son aquelas maiores de 12 anos. Agardamos poder seguir nesta liña en busca desa tan ansiada inmunidade de grupo nos vindeiros días conforme nos vaian chegando máis vacinas para poder administralas”, indica Félix Rubial.

Artigos relacionados

Back to top button