En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A socialista Patricia Domínguez nova alcaldesa trivesa co apoio de Son de Trives

“Este é un proxecto de esquerdas, solvente e que vai intentar sacar a Trives do ostracismo no que nos encontramos”, dicía a nova rexedora tras tomar posesión do cargo

Cun salón de pleno ateigado de público ás 13:30h. deste 15 de xuño comezaba a sesión plenaria na que se constituía a nova Corporación do Concello da Pobra de Trives, formada por 5 concelleiros do PP, 4 PSdeG.PSOE e 2 de Son de Trives-En Marea.

Tras a toma de posesión dos concelleiros electos procedíase á elección de rexedor á que se presentaba a socialista Patricia Domínguez, que, co respaldo dos catro edís do PSdeG-PSOE e cos 2 de Son de Trives (tras o pacto previamente feito público entre ambas forzas políticas), resultaba investida alcaldesa.

No seu discurso tras recibir o bastón de mando, Patricia Domínguez aseguraba que “este é un proxecto de esquerdas, solvente e que vai intentar sacar a Trives do ostracismo no que nos encontramos”. Expresaba ademais o seu agradecemento “aos compañeiros de Son de Trives polo apoio inquebrantable amosado ao grupo socialista e a este pobo, porque é por este pobo polo que nos unimos todos e imos a formar unha corporación única, sen distincións, tratando por igual a todos os cidadáns, con independencia do signo político de cada un”. Seguidamente tamén se amosaba agradecía ao partido socialista trivés.

 

A socialista Patricia Domínguez co bastón de mando xunto a Jorge Vázquez de Son de Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Domínguez, a primeira muller alcaldesa de Trives, tamén aseguraba que “a partir deste momento aquí comeza o futuro, nós imos facer todo o que estea nas nosas mans para recuperar economicamente este municipio, para esixir en todas as institucións o que por dereito é oso, para ter un Trives unido, unha comarca unida”. Nese senso, agradecía a presenza de alcaldes socialistas recén electos no acto, como era o caso do de Manzaneda, e doutros representantes do partido socialista.

“A miña intención”, concluía a nova rexedora, “é facer unidade, non facer pobo, senón tamén facer comarca”.

Fotos: Carlos G. Hervella

 

Concelleiros socialistas e de Son Trives que conforman o grupo de goberno trivés. Na imaxe falta un dos edís./ Foto cedida.

Artigos relacionados

Back to top button