CulturaCulturaÚltima hora

A Sociedade Xeolóxica Española celebrará no Xeoparque Montañas do Courel a súa 71 sesión científica

Uns 60 especialistas rexistrados, procedentes de 14 universidades de España, unha universidade ecuatoriana, o IGME- CISC e outras entidades españolas, participarán neste foro

 

A Sociedade Xeolóxica de España (SGE) celebrará no Xeoparque Mundial UNESCO Montañas do Courel a súa 71 Sesión científica desde o venres, 26 de novembro, ata o domingo, 28 de novembro. Será o terceiro encontro científico deste tipo que se organice en Galicia e a primeira na provincia de Lugo, e no seu desenvolvemento participan o Xeoparque Mundial UNESCO Montañas do Courel e o Grupo de Desarrolllo Rural Ribeira Sacra-Courel.

Con esta sesión científica a SGE e o Xeoparque buscan achegar a xeoloxía e a ciencia ao mundo rural; a mesma ciencia e xeoloxía que constitúe a base do coñecemento sobre o cal se asenta o Xeoparque. Así, 60 especialistas rexistrados procedentes de 14 universidades de España, unha universidade ecuatoriana, o IGME- CISC e outras entidades españolas, participasen os próximos 26 e 27 de novembro na sesión científica que se celebra na Estación Científica da USC en Seoane do Courel.

O programa desta 71 sesión está composto por 22 traballos científicos. Como é habitual nas reunións xeolóxicas semestrais programadas pola SGE, as comunicacións fan un repaso ao estado da investigación española en ciencias da terra. Neste caso, relacionadas fundamentalmente coa estrutura da cortiza terrestre, as augas subterráneas e superficiais, o medio ambiente, os fósiles paleozoicos, e os cambios climáticos e ambientais do pasado e a actualidade. Pero tamén, con esta sesión a SGE e o Geoparque Montañas do Courel buscan achegar a xeoloxía e a ciencia en xeral ao mundo rural e destacar a importancia da protección do patrimonio xeolóxico.

A sesión inclúe unha visita de campo á xeoloxía das Montañas do Courel e a súa relación co desenvolvemento humano. Os participantes terán a ocasión de coñecer o castro romano da Torre; unha ” alvariza” construída en pedra para protexer as colmeas de mel do ataque dos osos; a “Aldea Paleozoica” de Seceda, declarada Ben de Interese Cultural pola súa arquitectura tradicional edificada con singulares rocas locais; o pliegue tombado do Courel desde o miradoiro de Campodola, declarado monumento natural e lugar de interese xeolóxico de relevancia mundial (global geosite) e o Museo Xeolóxico en Quiroga, no que se poñen de valor os trazos máis relevantes da xeoloxía do geoparque.

O resto das actividades da sesión científica busca tamén, como ocorre co concepto mesmo dos xeoparques, achegar a xeoloxía e ás científicas e científicos das Ciencias da Terra a actividades cotiás que están relacionadas dalgunha maneira coa súa disciplina científica. Estas actividades lúdicas programadas na 71 sesión inclúen catas de mel das Montañas do Courel e de viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra; dun magosto, a festa outonal da castaña, así como un concerto de música folk da banda Ribas de Sil, integrada por mozos músicos do geoparque.

A SGE

A Sociedade Xeolóxica de España (SGE) fundouse en 1985 e conta con preto de mil socios que proveñen de distintos ámbitos, desde investigadores de universidades e centros públicos, ata profesionais de compañías privadas, pasando por profesores de institutos de ensino primario ou secundario, sen esquecer aos afeccionados á Xeoloxía.

O obxectivo principal desta organización é “fortalecer e dinamizar a presenza das ciencias xeolóxicas en todos os ámbitos da sociedade. Promove, fomenta e difunde o coñecemento, progreso e aplicacións da xeoloxía; asesora en cuestións xeolóxicas, desde o punto de vista científico e educativo, ás entidades que o requiran, e representa os intereses científicos da comunidade xeolóxica de España a nivel nacional e internacional”.

Unha das actividades máis importantes das realizadas pola SGE para a divulgación da xeoloxía é o Geolodía, que cada ano conta con aproximadamente 10.000 asistentes presenciais e máis de 70.000 virtuais.

Artigos relacionados

Back to top button