No marco da XX edición da Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite de Ribas de Sil, presentábase hoxe o novo logo do Xeoparque Montañas do Courel.
A nova imaxe deste territorio do que forman parte os concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel, dábase a coñecer no mediodía deste domingo 2 de xuño, intres antes do pregón a cargo do presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga.
O encargado da presentación era o presidente do Xeoparque e concelleiro de Cultura de Ribas de Sil, Roberto Castro, indicando que houbo 48 propostas. Un comité de expertos de diversos campos fixo dúas cribas e ao final quedaron dez finalistas. De aí e trala reunión dos representantes dos tres concellos que formamos parte do xeoparque “eliximos por unanimidade o logo que mellor nos representa xa que vai ser o sinal identificador do xeoparque a partir de agora, obra de Guillermo Díaz, deseñador de Vigo”.
O propio deseñador explicaba aos asistentes que o que quixo foi representar os pregamentos tumbados do Courel. “Simplemente é unha representación simplificada, intentando adaptalo ao que hoxe en día require un logo como é ser sinxelo para que se poida representar en moitos tipos de formatos”.
O novo logo era descuberto polo alcalde de Quiroga, José Luis Rivera; a alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro; e Roberto Castro como presidente do Xeoparque, en representación “deste territorio que tantas ilusións están aportando e tantas ganas de desenvolvento utilizando a xeoloxía como excursa e estratexia de turismo diferencial para poder traer a moita xente a esta zona que recomendo visitar”, dixo Castro, destacando o feito de que os tres concellos están moi unidos, “de diferentes partidos políticos pero cun obxectivo común que é revitalizar o territorio e conseguir que os nosos fillos sigan vivindo aquí”.
Fotos: Mónica G. Bellver.