As agrupacións folclóricas que forman parte da XXXIX edición das Xornadas de Folclore recalaban na pasada noite nas vilas de Trives e do Carballiño, onde o público podía desfrutar da vistosidade dos traxes, as danzas e os ritmos, que son o resultado de anos de intenso traballo de investigación e recuperación do folclore tradicional que os grupos participantes levan a cabo nos seus países.
Multitude de persoas enchía a rúa San Martín de Trives para seguir as xornadas, organizadas pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e dos diferentes concellos anfitrións.
En Trives (con fotos nesta galería) era a quenda para o grupo composto pola Fundación Ballet Folclórico de Nobsa Colombia, Yuan Yuan Dance Group de Taiwán e Kud Srem de Serbia, fundado por un grupo de mozos en 1948, como “Grupo Educacional Cultural, Estrela Vermella”. Este grupo serbio, a principios dos 60, gañou o nome que hoxe ten, liderado por Slavka Jezdimirovic-Zelenika. Nos últimos anos, Branko Puric, un dos maiores expertos en coreografía e estilo, partiu de cero e formou un grupo de alto nivel, levando a Srem á cima da sociedade folclórica de Belgrado e Serbia. Nos seus 75 anos de existencia formáronse 7.500 mozos no campo do folclore, actuando en máis de 20 países e en máis de 75 festivais internacionais de folclore.
O repertorio de cada agrupación participante é tan só unha pequena mostra da gran riqueza e variedade cultural que acolle cada país.
Por outra banda, o público presente na Praza Maior de O Carballiño podía gozar coas danzas e o os ritmos de Panamá, Senegal e México cos grupos Academia Andrés Valiente, Danza y Proyecciones Folklóricas, Ballet Jammu e o Ballet Folk Instituto Tecnológico de Celaya.
Neste 18 de agosto: Xinzo e Castro Caldelas
Xinzo acollerá un pequeno desfile que partirá, ás 20,00 horas, dende o Toural ata a Praza para comezar o Festival ás 20, 30 horas cos grupos de Colombia, Taiwán e Serbia
A Praza do Prado, de Castro Caldelas, acollerá o segundo festival da noite, ás 22,30 horas coas agrupacións procedentes de Panamá, Senegal e México.
Fotos: O SIL.