CulturaCulturaMúsica

A sonoridade galego-brasileira de Najla Shami, no Barco

A compositora e intérprete palestina, galega e arxentina, daba un concerto no Teatro Lauro Olmo o 15 de setembro
Najla Shami e Sérgio Tannus, no TLO./ Foto: Carlos G. Hervella.
Najla Shami e Sérgio Tannus, no TLO./ Foto: Carlos G. Hervella.

Kalimba e voz. Non necesitaba nada máis. Dende o fondo da sala, Najla Shami camiñaba cara o escenario mentres interpretaba os primeiros acordes de “Camiño branco”, sen micrófono. Adiviñábase xa a súa engaiolante e intensa voz. De seguido, dábase forma dun xeito moi singular ao poema do mesmo título de Rosalía de Castro, poetisa á que agasalla no seu último traballo “Na lingua que eu falo”.

A cantante, nun dos momentos da actuación./ Foto: Carlos G. Hervella.
A cantante, nun dos momentos da actuación./ Foto: Carlos G. Hervella.

De seguido, saía ao escenario o músico Sérgio Tannus, e xuntos iniciaban un concerto na noite do 15 de setembro no Teatro Lauro Olmo do Barco, no que conseguían atrapar ao público cun repertorio que transitaba polos ritmos galegos, brasileiros e mesmo africanos, mesmo introducindo nalgún caso letras en árabe. Soaban pezas como “Coração Estaladiço”, “Ela so pensa en namorar” ou “Na lingua na que eu falo”, un dos poemas de “Cantares gallegos” de Rosalía de Castro.

Ao longo dunha hora de actuación a parella de músicos conseguía conquistar aos espectadores, con diversos guiños simpáticos, e mesmo animalos a cantar. O espectáculo pechábase con “Jack Soul Brasileiro”. Era asemade o derradeiro concerto das Festas do Cristo 2014 no Barco.

Texto: Ángeles Rodríguez Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button