DeportesPescaÚltima hora

A tempada de pesca 2024 estenderase do 17 de marzo ao 31 de xullo, con carácter xeral

Reunión do Consello Galego de Pesca.

 

A tempada de pesca continental en Galicia para o ano 2024 comezará o vindeiro 17 de marzo e estenderase ata o 31 de xullo, con carácter xeral. Así se acordaba na reunión ordinaria do Consello Galego de Pesca Continental, celebrada na mañá deste venres 17 de novembro e presidida pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e que contou coa participación dunha ampla representación dos distintos axentes implicados neste sector na Comunidade.

Durante a xuntanza, analizáronse as propostas a ter en conta na orde anual que se publicará proximamente e regulará os períodos hábiles de pesca para a vindeira tempada, abordándose tamén o establecemento das respectivas normas e determinacións para cada especie.

Así, no caso da troita, o período xeral abrirase o 17 de marzo de 2024 prolongándose a súa pesca ata o 31 de xullo, coas excepcións das masas de auga salmoneiras e as de montaña, nas que a tempada comezará máis tarde, concretamente, o 1 de maio.

 

 

Por outra banda, nos coutos de pesca intensiva e nos tramos de pesca sen morte, poderase pescar ata o 30 de setembro, mentres que nos coutos con convenio, con carácter xeral a tempada prolongarase ata a mesma data na modalidade de sen morte.

No que respecta ao salmón, os pescadores poderán desenvolver a súa actividade a partir do 1 de maio e ata o 31 de xullo. As cotas de captura desta especie no río Mandeo (A Coruña) establécese en 5 exemplares; nos ríos Masma e Salmeán (Lugo), a cota será de 15 e 10 exemplares, respectivamente; e no Miño (Ourense), o límite será de 8 salmóns. Na caso da provincia de Pontevedra estableceuse unha cota de 15 exemplares para o río Ulla, cunha redución dun 50%, mentres que o Lérez continuará vedado. O límite segue a ser de 1 salmón por pescador e día, e tamén se mantén a autorización dos engados permitidos.

Polo que respecta ao reo, mantense o período xeral do 1 de maio ao 31 de xullo, prolongándose ata o 30 de setembro nalgúns coutos.

 

Artigos relacionados

Back to top button