
A Praza e Torre do Reloxo da Pobra de Trives, son o lugar escollido para celebrar, xa dende hai uns anos, as Prebadaladas, un evento co que adiantan o fin de ano ao día 29 de decembro e veciños e veciñas trivesas toman as uvas ao son das badaladas nesta praza da vila.
Mais a Torre, construída en 1928, derruída nos anos 60 e reedificada en 1995; conta cun tamén histórico reloxo que levaba máis de 10 anos sen funcionar de maneira ininterrompida. Dende o Concello quixeron recuperalo, polo que contactaron cunha empresa extremeña especializada en campás e reloxos que os derivou a unha compañía de Redondela, que finalmente foi a encargada do arranxo. O reloxo estaba intacto, pero a súa maquinaria interna, precisa para o seu funcionamento, estaba queimada. “Probablemente foi un raio o que provocou que deixara de funcionar”, explica José Luis Vidal, concelleiro de Cultura de Trives, que tamén axudou nos labores de arranxo.
O vindeiro 29, coincidindo coas Prebadaladas, volverán soar as campás ao son do reloxo. Dende que finalizaron as tarefas de arranxo, hai apenas unha semana, o reloxo xa está en funcionamento, máis tan só parcialmente, xa que non está dando as horas como era de costume á espera de facer a “gran inauguración” coincidindo co evento que celebran na vila adiantándose ao Fin de Ano e no que numerosos veciños e veciñas se achegan á praza para tomar as uvas. Será entón cando o histórico reloxo e tamén as súas campás (que datan de 1880) volvan funcionar como sempre o fixeron: marcando o devir do tempo en Trives.



