DeportesÚltima hora

A Tsunami Manzaneda de Enduro MTB, con descensos por ata 4 pistas, o 8 de xullo na estación

A outra gran novidade desta fin de semana será a reapertura do restaurante “Os Arandos” para ofrecer menús de produtos locais

 

A segunda edición da Tsunami Manzaneda, unha cita marcada no calendario para os afeccionados ao MTB Enduro, chega esta fin de semana á Estación de Montaña como o primeiro gran evento deportivo da tempada. A programación deste verán nas instalacións combina as competicións con propostas lúdicas como o ciclo de concertos “Elas cantan”, que xa arrincou o pasado sábado e que nesta ocasión terá como protagonista a Law, unha das artistas máis versátiles da música urbana galega. Será unha fin de semana completa en Manzaneda que avanza unha frenética actividade deportiva e de lecer que se prolongará ata a primeira fin de semana de setembro.

Tamén a gastronomía terá un papel protagonista, e é que para este sábado está prevista a apertura do restaurante “Os Arandos”, que se mantivo pechado desde a pandemia e non volvera a abrir desde entón. Na súa carta, ofrecerá atractivos menús con produtos da zona, especialmente viños, carnes e embutidos ou empanada caseira, sen que tampouco falte o polbo nin, por suposto, a bica. O seu horario será de 13.00 a 15.30 horas e de 21.00 a 23.00 horas e o menú custará 25 euros. Ademais, seguirá ao dispor dos visitantes o restaurante autoservizo.

A segunda edición da Tsunami desenvolverase durante dúas xornadas, 8 e 9 de xullo, nunhas instalacións que ofrecen unhas condicións óptimas para a práctica desta disciplina. Desde a Estación (1.778 metros) ata o núcleo de Manzaneda (657 metros) desenvolverase unha competición que inclúe tramos cronometrados polas pistas Medras, Carqueixa e Avalancha. Ademais, a carreira final levará a cabo a través da pista Xeitosa. Será esta última unha baixada en modo avalancha en grupos de 50 bikers.

“Coa Tsunami chega a Manzaneda uno dos grandes eventos deportivos do verán, aínda que a Estación acollerá unha vintena de propostas que axuntarán as competicións e o lecer ao longo das próximas semanas. Intensifícase así a súa aposta pola desestacionalización e a súa reconversión nun parque multiaventura e multideporte con actividade durante todo o ano”, explican dende a Estación de montaña de Manzaneda.

No ámbito deportivo, leste é o calendario previsto:
8-9 de xullo: Tsunami Manzaneda.
15 de xullo: Copa Federación DH.
21,22,23 de xullo: Copa de España DH-MINI DH.
12 de agosto: Marcha Ciclista CicloSil.
19 de agosto: Gladiator infantil.
25, 26 e 27 de agosto: Motorsport Campus
3 de setembro: Marcha ciclista Federación.

O complemento lúdico á actividade deportiva serán os concertos do ciclo “Elas cantan”, que terán lugar todos os sábados dos meses de xullo e agosto. Despois do inaugural de Habana Feeling e o de Law para este sábado (8 de xullo), terán lugar os seguintes: Isaura & CO (15 de xullo); Soul&Roll (22 de xullo); Carolina Rubirosa (29 de xullo); Failim (5 de agosto); Alo Jazz (12 de agosto); Two in the mirrow (26 de agosto).

E a todo iso sumaranse as actividades da propia Estación de Montaña cun rocódromo infantil, varios campos de paintball, roteiros en bicicleta eléctrica ou parques multiaventura para nenos. Complementarán as xa ofertadas o ano pasado: bike park adulto e junior, roteiros dacabalo, tiro con arco, telecadeira turístico ou piscina e circuíto termal.

A Estación abrirá o 100% das súas instalacións e servizos de venres a domingo, mentres que durante o resto da semana ofrecerá aloxamento e restauración, ademais da piscina e o spa.

Artigos relacionados

Back to top button