OurenseÚltima hora

A UD Ourense colabora no calendario solidario 2024 de Down Ourense

A asociación contou tamén coa colaboración do fotógrafo Emilio Romanos

 

Na xornada deste mércores 22 de novembro a asociación Down Ourense presentaba no campo de fútbol de Coles o seu calendario solidario 2024, que se pode adquirir en varios puntos da cidade.

Nesta edición, a asociación contou coa colaboración da Unión Deportiva Ourense e do fotógrafo Emilio Romanos Castiñeira, que inmortalizou coa súa cámara divertidos momentos entre os xogadores do equipo de fútbol e as persoas usuarias da asociación nos estadios de fútbol de O Couto e Coles. Ademais, varias empresas da contorna colaboraron de xeito económico na elaboración destes calendarios (Deputación de Ourense, Grupo TAR, Angelo Milano, Ourenmatel e o Centro Comercial Ponte Vella).

No acto de presentación do almanaque participaron o alcalde de Coles, Manuel Rodríguez Vázquez; a deputada provincial de Políticas Sociais, Patricia Torres Madureira; o presidente da Unión Deportiva Ourense, Fernando Currás Gallego; e a presidenta da Asociación Down Ourense, Sonia González Sánchez.

 

 

Na súa intervención, Sonia González salientou o importante que é esta iniciativa para a entidade e indicou que se trata “dun camiño máis para dar visibilidade ás persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais”. Tamén quixo agradecer “a participación de todas as persoas que, desinteresadamente, fixeron posible a elaboración deste almanaque” e aproveitou a súa intervención para recordar que “coa súa compra estase apoiando a inclusión social e o empoderamento do colectivo”.

Este ano a tirada será de 1.200 exemplares: 600 calendarios de parede e 600 calendarios de sobremesa. Todos eles terán un prezo de 5€ e os beneficios obtidos coa súa venda irán destinados integramente ós programas de promoción da autonomía persoal que se levan a cabo en Down Ourense e que, actualmente, dan servizo a 93 persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais e ás súas familias.

Aquelas persoas que así o desexen, poderán adquirir o seu calendario solidario na propia asociación e na tenda Angelo Milano (R/ Paseo, 30).

Artigos relacionados

Back to top button