En portadaÚltima horaVídeos

A última hora do incendio industrial do Barco

Non se produciron "danos persoais de ningunha clase e a composición do fume é asimilable á dun incendio forestal por ser os materiais queimados os propios deste (madeira e resina natural)", tal e como informa Cedie

 

Controlado e practicamente extinguido. Así está arestora o incendio industrial que se rexistraba esta tarde no Barco, tal e como confirma o alcalde deste municipio, Alfredo García, rozando xa ás once da noite.

O incendio produciuse durante o desenvolvemento dos traballos de reparación da cuberta dunha das naves do complexo industrial, destinada ao almacenamento de resina de piñeiro (un produto natural non sometido a tratamento industrial). “Aínda que de momento non se puido determinar con total exactitude a orixe do lume, o máis probable é que algún residuo incandescente procedente dos traballos que se estaban levando a cabo na mencionada cuberta puidese caer sobre a resina almacenada na nave, o que provocou que tanto as 20 toneladas de resina, destinada á realización de probas na instalación de destilación proxectada, como a propia cuberta de madeira da nave ardesen rapidamente dada a natureza de ambos os elementos”, tal e como se informaba esta noite dende Cedie.

 

 

O lume estendeuse ás cubertas de dúas naves contiguas provocando o derrumbe parcial das mesmas. “A pesar da espectacularidade inicial das chamas, quereríamos resaltar dous aspectos fundamentais: que afortunadamente non se produciron danos persoais de ningunha clase; e,  que a composición do fume xerado polo incendio é asimilable á dun incendio forestal por ser os materiais queimados os propios deste (madeira e resina natural), podendo afirmar que non se produciu a combustión doutros elementos industriais que puidesen elevar a toxicidade dos gases da combustión”, tal e como destaca a empresa.

Ademais Cedie quere “presentar as nosas desculpas á poboación polas molestias ocasionadas e agradecer a intervención das unidades de bombeiros mobilizadas para sufocar o incendio”.

Nos labores de extinción deste incendio industrial teñen participado os bombeiros do GES Valdeorras, do GES da Veiga, así como os bombeiros do parque comarcal de Valdeorras e os de Monforte de Lemos.

Fotos: Carlos G. Hervella

Vídeo cedido.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button