Antes de rematar o mes de xullo celebrábase unha reunión na Coruña entre os máximos responsables da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC), do Clúster do Granito e do Clúster da Pizarra de Galicia. No transcurso desa xornada, que tivo lugar na sede da institución académica na cidade herculina, estudáronse as liñas de colaboración que poderían desenvolver as tres entidades a partir deste intre.
“Durante horas, os representantes do sector da pedra natural e da Universidade da Coruña debateron sobre que tipo de proxectos comúns poderían levar a cabo, para mellorar a formación dos estudantes de arquitectura, e para incentivar o uso da pedra natural galega nos diferentes estudos e Traballos de Fin de Grao que desenvolverán s alumnos do centro ubicado no Campus da Zapateira”, aseguran dende o Clúster da Pizarra. Ao finalizar a reunión, o secretario xeral do Clúster do Granito, José Ángel Lorenzo, afirmaba que “a colaboración do noso sector coa Escola de Arquitectura é unha necesidade para as tres institucións. A sustentabilidade, a estética e as prestacións técnicas da pedra natural fan que este material deba ter unha gran importancia nos proxectos que desenvolvan os estudos dos futuros arquitectos que se forman e que se formarán na nosa comunidade”.
Tal como acanzan dende o Clúster da Pizarra de Galicia, nesta primeira reunión manifestouse a necesidade de mellorar a colaboración entre as tres entidades. “Principalmente, definíronse catro ámbitos: a innovación, a divulgación e comunicación, a colaboración técnica no ámbito académico e a cooperación institucional”. O director da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, Miguel Abelleira, quixo incidir en que “axuntar a experiencia das agrupacións industriais co potencial investigador da Escola redundará nunha mellor formación do estudantado que, nun futuro non moi afastado, protagonizará a arquitectura de Galicia”.
Así os asistentes á reunión decidiron crear unha comisión de traballo para definir a folla de ruta que permitirá que este proxecto avance dando pasos concretos. Estará formada polo director do Departamento de Construcións e Estruturas Arquitectónicas, Civís e Aeronáuticas da ETSAC, José Ramón Garitaonaindía, polo xerente do Clúster da Pizarra de Galicia, Severino González, e polo seu homónimo no Clúster do Granito, José Ángel Lorenzo.
Pola súa banda, o presidente do Clúster da Pizarra, Víctor Cobo, destacou “o gran entendemento que se produciu desde o primeiro contacto que mantivemos os representantes do sector da pedra natural cos responsables da ETSAC. Nun momento no que a sustentabilidade ten que ser un dos eixos fundamentais de calquera proxecto construtivo, estou seguro de que iniciativas como esta permitirán aumentar o protagonismo de materiais naturais como son o granito e a lousa de Galicia na arquitectura”.