O proceso de vacinación contra o Covid en Galicia dará un novo paso en xullo. Confirmábao o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, na súa comparecencia desta mañá para dar conta dos asuntos tratados onte no Comité Clínico.
Adiantaba que a vacinación das persoas de entre 30 e 39 anos comezará na primeira semana de xullo. “Intentaremos que o sistema sexa mixto, é dicir, que se poida compatibilizar a cita programada da cidadanía coa petición voluntaria, pero todo dependerá do número de vacinas que teñamos na primeira semana de xullo”, aseguraba Alberto Núñez Feijóo.