Tal e como viñan anunciando a través das redes sociais, na noite do luns 13 de xaneiro presentábase a través de YouTube o grupo Tentempié, un novo procecto musical valdeorrés que nace “en casa, entre amigos e músicos coñecidos da zona, coa intención de crear unha Cover & Band, algo diferente, algo traballado e cun toque persoal”.
Entre os 6 integrantes do grupo hai dous vocalistas principais. A voz masculina é José Antonio, máis coñecido por “Cana” e o seu grupo Iria Flavia, adicado profesionalmente á música pasando por orquestras e grupos como Detroit ou Fussión; como cantante feminina está Emma, unha cara moi coñecida en Galicia tras o seu paso por programas de Televisión como Recantos en Luar da TVG, no cal tivo unha gran repercusión e que tras cantar como solista forma agora forma parte deste novo proxecto.
Presentando aos instrumentistas, tocando a guitarra está David Trincado, tamén coñecido polo seu paso por grupos e bandas locais como Vuelta y Media ou Clon Bois. Nas teclas do piano, tamén como guitarra e apoio en voz está Javi, tamén cunha ampla traxectoria co seu paso polo grupo santiagués Serotonina e Los Correctos; e chegando ás filas de atrás e coa base e o peso do grupo temos a dúas caras moi coñecidas: ao baixo está Óscar Pérez, coñecido polo seu paso por grupos locais como Navegando a Barlovento e Cabo da Vila e tamén como profesional en grupos e orquestras como Fussión; que vai da man de José Francisco (Paquito) ao mando do ritmo e da batería, cunha ampla traxectoria en grupos e orquestras como Laredo, Pikante e Fussión “no que tres de nós compartimos grandes xiras e moitos quilómetros”, lembran.
Agora, xuntos forman o grupo Tentempié que comeza a súa traxectoria coa grabación deste videoclip que saía á luz a modo presentación, traballando xa de pleno na preparación do seu directo que, tal como eles mesmos adiantan, “rondará en torno ás dúas horas nas que faremos un percorrido polas mellores cancións e versións de hoxe e de sempre, cun toque rock que é o que nos caracteriza”, tendo xa fixados varios destinos que se irán dando a coñecer proximamente.
Fotos e vídeo: Tentempié.