SanidadeÚltima hora

A vacinación da gripe para nenos de ata 5 anos estenderase a todas as áreas sanitarias galegas

Levarase a cabo no conxunto de hospitais de Galicia durante o vindeiro sábado, día 26 de novembro, en horario de 10h a 14,30h e de 15,30h a 20h

 

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, vén de anunciar que se ofrecerá a posibilidade aos nenos e nenas de entre 6 meses e 5 anos a acudir a vacinarse aos seus hospitais para reforzar a protección infantil contra o virus da gripe.

Durante a súa intervención no Pleno do Parlamento de Galicia, o presidente da Xunta explicou que, tras o éxito que supuxo a proba piloto de vacinación infantil contra a gripe da pasada fin de semana no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, a Xunta repetirá a experiencia na vindeira fin de semana seguindo a súa liña pioneira de protección da saúde de todos os galegos. O lugar e o momento da vacinación será comunicado por SMS aos pais, nais ou titores das nenas e nenos de entre 6 meses e 5 anos.

En concreto, as citas para vacinarse serán dadas, no conxunto das áreas sanitarias galegas para o vindeiro sábado, día 26 de novembro, en horario 10,00h a 14,30h; e de 15,30h a 20,00h. Ademais, no caso da área sanitaria da Coruña e Cee tamén se citará a poboación diana na xornada de domingo, mantendo o mesmo horario.

Bos resultados na proba piloto do CHUS

A decisión deriva dos satisfactorios resultados alcanzados durante as xornadas do pasado sábado e domingo na proba piloto de vacinación pediátrica realizada no Hospital Clínico de Santiago. Na mesma, un total de 532 nenos e nenas, menores de 5 anos, acudiron a vacinarse da gripe.

Con estas vacinacións, a cobertura da gripe entre a poboación pediátrica da área sanitaria de Santiago -algo máis de 11.000 menores-, incrementouse ata en 5 puntos, pasando dun 36% a un 41%.
Así, segundo apuntou Alfonso Rueda, Galicia conta co “calendario de vacinación infantil máis potente de toda España, grazas a asumir os costes que antes pagaban as familias”, ademais de ser a comunidade autónoma con maior porcentaxe de poboación vacinada contra a Covid. Por este motivo, a Xunta presenta esta nova campaña de vacinación a nivel autonómico “conscientes da preocupación que teñen moitos pais e nais polo aumento das enfermidades respiratorias”.

Desta forma, a Xunta de Galicia continúa a blindar os seus servizos públicos e a reforzar o seu calendario de vacinación infantil que conta xa coa vacina do papiloma para nenos, a do meningococo B e a antigripal tetravalente, totalmente gratuítas para as familias.

Artigos relacionados

Back to top button