
Quince días despois de celebrar a III edición do Campus Multi Valdeorras Feminino que reunía en Vilamartín de Valdeorras a unha vintena de rapazas, a súa promotora e coordinadora Isabel Vázquez, (xogadora de fútbol sala e fútbol, graduada en INEF cos niveis I, II e III de adestradora) porá en marcha un novo campus, desta volta no Barco de Valdeorras.
Trátase do I Campus Isa Vázquez para nenas e nenos a partir de 6 anos que se desenvolverá do 5 ao 11 de agosto no Campiño de Viloira en horario de 10 a 13:30 horas. Tal como explica a propia Isa, lanza este novo proxecto con moitas ganas e da man de Lecer e deportes Valdeorras e o CD Barco, “que nos facilitaron todo e máis para que puidese saír adiante”, di asegurando que lle faría moita ilusión “poder compartir unha semana en campo cos xogadores e xogadoras da zona, para ensinarlles outra maneira de adestrar e traballar, acompañada de adestradores titulados da zona”.
No campus traballarán diferentes situacións micro e macro do fútbol, adaptando sempre os grupos en función da idade e o nivel para que o contexto sexa favorable para os xogadores e as xogadoras, adaptando sempre os grupos de traballo. “Tarefas técnico-tácticas cun apartado lúdico, tratando sempre de conseguir a adherencia dos participantes cara a práctica do fútbol”, di Isa, puntualizando que tamén realizarán traballo específico para os porteiros e as porteiras.
Doutra banda, durante toda a semana levarán a cabo competicións individuais e colectivas (habilidade con balón, fútbol tenis, puntería…). Utilizando “moitas ferramentas e moitas variables para perfeccionar a técnica de todos os participantes, porque ademais da nosa proposta formativa futbolística, o campus ofrece actividades complementarias de lecer e tempo libre e talleres formativos de diferentes temáticas (psicoloxía e nutrición deportiva). Todo para que o noso alumnado desconecte do fútbol se divirta e volva con máis ganas aos adestramentos”.

De feito o día 10 de agosto comerán en Vilamartín de Valdeorras “e teremos pola tarde diferentes actividades de lecer e tempo libre, torneos deportivos e moitas sorpresas. Pola noite teremos unha velada temática e ao día seguinte despois de almorzar, un taller sobre psicoloxía e nutrición deportiva tratando de favorecer así a formación integral do noso alumnado”.