
O 26º Coloquio Anual sobre a Sustentabilidade dos Sistemas Rurais (CSSR), que organiza a Unión Xeográfica Internacional na que colabora a Universidade de Santiago, celebrarase na Veiga entre os días 18 e 20 de xullo. Contará coa presenza de académicos de diferentes países: Xapón, Australia, China, Portugal, Alemaña, Bélxica, Israel ou Vietnam.
“Este congreso está especificamente dirixido a tender pontes entre diferentes posturas expresadas en debates académicos. O tema central será tratar a sustentabilidade e como se comportan os sistemas rurais infinitos nun planeta finito”, segundo se informa dende o Concello da Veiga.
Este foro terá unha serie de sesións nas que se abordarán cuestións como tender lazos entre redes agroalimentarias arredor do mundo e entre as actividades rurais, tamén se analizarán os diferentes usos do solo e os seus riscos naturais en relación co cambio climático, a expasión urbana, a agricultura e a preservación de espazos abertos, a xestión dos espazos rurais, etc.
O programa tamén incluirá unha visita ao Centro de Transformación de Mel de Prada, a unha explotación forestal na aldea de Meixide, a vivendas rehabilitadas e ao centro de venda de produtos locais. “Finalmente realizarán unha posta en común de ideas que se poderían levar a cabo no territorio veigués”, segundo se adianta dende o Concello.