ConcellosÚltima hora

A Veiga recibirá 450.000 euros para mellorar o centro da vila

Realizaranse obras de humanización da praza do Concello, das beirarrúas na rúas Nova e Pateira e na praza do Toural, entre outras
Praza do Concello da Veiga.

Nos vindeiros días o Concello da Veiga comezará coas obra de humanización da praza do Concello, das beirarrúas na rúas Nova e Pateira e na praza do Toural, entre outras. Esta intervención será subvencionada ao 100% pola Consellería de Ambiente e Ordenación do Territorio cun total de 450.000 euros.

“O obxecto do proxecto é fomentar a conservación e posta en valor do patrimonio histórico e cultural da Veiga elevando os niveis dos servizos e facilitando o tránsito de vehículos e persoas”, segundo informa o alcalde veigués, Juan Anta.

As actuacións, adianta o rexedor, estarán centradas en “pavimentar a praza do Concello e mellorar as condicións de accesibilidade, quedando deste xeito a un único nivel. Así mesmo levaranse a cabo actuacións na rúa Nova, eliminando os cambios de rasante e as alturas, e arranxando as beirarrúas. Acondicionarase tamén a praza do Toural”. Ademais, intervirase na rúa A Pateira, “debido ao mal estado no que se atopa o seu vial”, matiza Anta. Haberá tamén actuacións referentes a saneamento e alumeado público.

“Todas estas actuacións serán levadas a cabo en pedra e en adoquín co fin de promover o desenvolvemento da vila con criterios de sustentabilidade económica, ambiental e social e humanizala atendendo á nosa realidade sociodemográfica”.

Artigos relacionados

Back to top button