EconomíaEconomíaÚltima hora

A verinesa Begoña Vázquez, entre os 5 finalistas ao premio “Cociñeiro Galego 2024”

 

Na tarde do vindeiro domingo 7 de abril darase a coñecer o nome do “Cociñeiro Galego 2024”, un galardón que enaltece e recoñece o labor dos cociñeiros emerxentes que ofrecen propostas culinarias de calidade, utilizan produtos de proximidade, fan unha cociña sostible e difunden estes valores.
Ese día terá lugar a sesión na que os 5 candidatos cociñarán en directo un prato que os identifica e que resume a súa cociña e a súa filosofía. Os finalistas son: Alba Aguiar e Álex Falcón (D’Leria, Carril, Pontevedra), Alberte Gutiérrez (Al-berte, Vigo, Pontevedra), Begoña Vázquez (O Regueiro da Cova, Verín), Fernando Rodríguez (O Secadeiro, Outes, A Coruña), e Víctor Conus (La Mesa de Conus, Vigo).

Os candidatos, preseleccionados por un xurado formado por un acreditado grupo de profesionais (xornalistas, cociñeiros, gastrónomos…) cunha ampla traxectoria no sector, destacan por ofrecer nos seus establecementos unhas propostas culinarias arraigadas á terra e á súa contorna e por apostar pola sustentabilidade.

As votacións realizaranse a través da web www.galiciaforumgastronomico.com/cocinerogallego e o período de votación comeza hoxe luns 26 de febreiro e finalizará o 31 de marzo. O gañador ou gañadora do concurso elixirase sumando as votacións do público, a través da web, e o voto do xurado profesional, en porcentaxes paritarias do 50 e 50%. Entre as persoas que emitan o seu voto a través da web sortearase unha comida para dúas persoas en cada un dos restaurantes nomeados. A entrega de premios terá lugar ás 14.30h no Auditorio de Galicia Fórum Gastronómico.

Nas anteriores edicións os premiados foron Diego López (A Molinera, Lalín) en 2014; Gorka Rodríguez (A Pulpeira de Melide, A Coruña) en 2015; Jorge Gago (A Maceta, Santiago) en 2017; Alén Tarrío (Pampín, Santiago) en 2019 e Moncho Méndez (Millo, A Coruña) en 2022.

O premio Cociñeiro Galego 2024 é posible grazas ao patrocinio de GADIS. Ademais, o galardón conta coa colaboración de Sammic. Galicia Fórum Gastronómico terá lugar os días 7, 8 e 9 de abril en Expocoruña

Begoña Vázquez (O Regueiro da  Cova. Verín)

Membro do colectivo Cociña Ourense así como de Slow Food Compostela, Begoña Vázquez é unha cociñeira que aposta, de forma irrenunciable, polos produtos de km0, prioritariamente ecolóxicos e a cociña da terra. A estreita cooperación con produtores locais representa un trazo esencial da súa personalidade culinaria.

Artigos relacionados

Back to top button