
Todo a punto para a VI Festa do Casco Vello do Barco, que se celebrará do 14 ao 16 de xuño celebrarase a Festa do Casco Vello. Trátase dunha iniciativa na que se unen cinco establecementos de hostalaría desta zona da vila (Excalibur, O Buraco, Tapería Agarimo, Veira Sil e 13/14) e o Concello, a través da súa Concellería de Turismo.
A celebración terá dous escenario principais.Por unha banda, a praza Maior, onde están previstos diversos concertos, así como de degustacións gastronómicas e de bebidas nas casetas que instalarán na zona os cinco bares participantes. E, pola outra, a praza de San Mauro, onde se desenvolverá unha nova edición da feira de artesanía.
Deste xeito, a VI Festa do Casco Vello cobrará vida o venres 14 de xuño a partir das 20h. coa apertura dos expositores dos bares, onde os visitantes poderán degustar diversos petiscos (alomenos dous diferentes por cada local). A partir das 22:30h. está prevista a actuación do grupo Mad Martin Trío.
A música continuará soando ata ben entrada a madrugada, pero xa será da man do Dj Dani Argü e de Amadeo Dj.
O programa seguirá o sábado 15 de xuño coa inauguración ás 11h. da III Feira de Artesanía e Produtos Locais Porto da Barca, coa presenza de 20 expositores de produtos da zona, de artesanía e de asociacións benéficas. Despois, ás 11:30h. o público, especialmente os máis pequenos, poderán desfrutar dos xogos de “Guti Malabares” e ás 12h. dun obradoiro de malabares. Ademais, ás 17:30h. haberá un obradoiro de lámpadas de Serendipia Creative. A mostra pechará as súas portas ás 20h.
Xa ás oito reabrirán de novo as casetas dos bares na praza Maior, onde poderán saborearse novamente os petiscos acompañados de bebidas. E ás dez da noite a praza encherase da música do grupo Nuevo Plan. Posteriormente, ás 23:30h. subirase ao escenario da Festa do Casco Vello Miguel Costas, compositor, guitarrista e vocalista de punk rock, que foi ademais membro fundador de Siniestro Total.
Despois do seu concerto está previsto un novo pase musical de Nuevo Plan, e á 1h. volverán actuar os Djs Dani Argü e Amadeo.
A Festa do Casco Vello chegará á súa derradeira xornada o domingo 16 de xuño. Os actos comezarán ás 20h. coa reapertura das casetas dos bares na praza Maior e, media hora despois, virá a atuación do grupo Smokey Blue, xa como broche da celebración.

