CulturaCulturaÚltima hora

A Via Nova romana centrará o número 15 da revista “Lethes”

Esta será unha das publicacións que se editarán no marco dun acordo que vén de asinarse entre a Asociación do Museo Etnolóxico da Limia, o Centro de Cultura Popular do Limia e a Deputación de Ourense

Tramo restaurado da Via Nova ao seu paso polo municipio de Rubiá./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Novo paso para potenciar a investigación e a difusión da historia e da cultura da Limia. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, vén de asinar un acordo con Delfín Caseiro, presidente da Asociación do Museo Etnolóxico da Limia, e con Manuel Seoane, presidente do Centro de Cultura Popular do Limia, para a publicación da revista Lethes. Cadernos culturais do Limia, durante os vindeiros catro anos, e a dixitalización biográfica da biblioteca da Limia do Museo da Limia.

As primeiras publicacións amparadas por este acordo serán A Reina Loba (lenda), de Manuel Seoane, e o número 15 da revista Lethes. Cadernos culturais do Limia, que dedicará boa parte do seu contido ao coñecemento e promoción da Vía XVIII, Vía Nova, que unía as antigas urbes romanas de Braga e Astorga, entrando en Galicia por Valdeorras e atravesando boa parte da provincia, a fin de facer desta calzada un motor de dinamización social, cultural, fraternal e económica do territorio.

 

Un dos momentos da sinatura da convenio.

 

Segundo o convenio asinado, a Deputación asume a impresión de 300 exemplares da publicación anual Lethes. Cadernos culturais do Limia e doutros 300 exemplares dunha publicación anual monográfica relacionada coa Limia, así como o deseño e programación dun catálogo dixital sobre os autores da comarca da Limia, integrada na web do Museo da Limia.

O Centro de Cultura Popular do Limia e o Padroado do Museo da Limia asumen os traballos de edición da publicación da revista e do monográfico, e farán constar a colaboración da Deputación na portada da publicación antedita, así como nas páxinas webs e redes sociais nas que se difunda a publicación Lethes e a obra dos autores na biblioteca da Limia.

Lethes. Cadernos culturais do Limia este ano celebra o 20º aniversario, que se verá complementado cunha publicación monográfica, para afianzar a promoción cultural das terras limiás, ademais de facilitar a dixitalización da biblioteca da Limia, para dar valorizar aos creadores do territorio e a súa obra.

 

Artigos relacionados

Back to top button