CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

A vianesa Concepción Álvarez imparte unha conferencia sobre Florencio en Salamanca

A filóloga Concepción Álvarez, natural de Rubiais (Viana do Bolo), na conferencia que impartía esta semana en Salamanca./ Cedida.

 

Sobre a figura do poeta corgomés Florencio Delgado Gurriarán falaba esta semana en Salamanca a filóloga vianesa Concepción Álvarez Pousa. Na mañá do luns día 9 de maio impartía unha conferencia titulada “Florencio Delgado Gurriarán, poeta valdeorrés no exilio mexicano: entre cepeiras e tapatíos” na Facultad de Filología da universidade salmantina.

A súa exposición asistía alumnado que se prepara nos graos de Estudos Árabes e Islámicos, Estudos de Asia oriental, Filología Hispánica, Estudios Ingleses, Estudios Franceses, Estudios Italianos e de Tradución e Interpretación, e que cursan a materia de galego como optativa nas súas carreiras.

Nesta conferencia Concepión Álvarez abordaba a traxectoria do autor valdeorrés e da súa poesía, “presentei a comarca de Valdeorras e falei da relación da comarca coa súa obra”, indicaba. Ademais presentaba o Arquivo do Galego Oral, “o galego oriental e o valdeorrés con exemplificación das características da súa obra e falei da súa lingua literaria e a evolución”.

A disertación remataba coa lectura do poema “Saúdo a Otero Pedrayo” (que está editado en Galicia infinda (1963) e Cantarenas (1981). Este poema destaca “pola riqueza tanto lingüística como paisaxística que recolle de Valdeorras e porque ademais está dedicado a Otero Pedrayo”, en palabras desta filóloga vianesa.

Esta conferencia enmarcouse dentro das actividades programadas para as Letras Galegas 2022 Florencio Delgado Gurriarán, organizadas pola profesora de galego Alba Rozas do Lectorado de Galego da Área de Filología Gallega y Portuguesa do Departamento de Filología Moderna da Facultad de Filología da Universidade de Salamanca.

Artigos relacionados

Back to top button