ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

A Virxe da Asunción estrea manto na procesión de Vilanova (O Barco)

Trátase dunha doazón realizada pola familia de Julio Ferrer Prada, veciño desta localidade, e a imaxe lucíao por vez primeira con motivo da festa do 15 de agosto

Na tarde do 14 de agosto un grupo de veciñas e veciños de Vilanova (O Barco) reuníase na igrexa parroquial desta localidade cun motivo moi especial: colocarlle un novo manto á Virxe da Asunción, patroa do pobo e xusto na véspera da súa festa. Esta prenda, elaborada con fíos de ouro, viña días antes dende Arxentina e tras pasar por Málaga e Cataluña, chegaba finalmente ao seu destino para honrar á Virxe de Vilanova.

Coa súa colocación sobre a figura da imaxe materializábase un deseño moi especial dunha familia desta localidade que, ao día seguinte na festa da Asunción, compartía con todos os veciños . “O manto que hoxe estrea a nosa Señora da Asunción é unha doazón de Julio Ferrer Prada en honor á súa tía Amalia Prada Fariñas, despois dunha conversa que mantivemos con ela na residencia de San Cosme. Cómpralle ti o manto á Virxe, Julito, foron as últimas palabras coherentes que dixo a tía e, ao pouco tempo, deixounos. Por iso hoxe comprácenos cumprir o seu derradeiro desexo, que a Virxe teña manto novo”, tal e como lles contaba moi emocionada aos veciños a esposa de Julio, Concepción Martínez Moral, despois da procesión na igrexa.

Tamén expresaba o desexo da familia de que este novo manto “lle guste a todo o pobo de Vilanova. A nosa Virxe é a que nos dá fe e esperanza, a que nos guía e protexe, a que fai que podamos reunirnos e encontarnos uns e os outros neste día”.

Finalmente, Concepción Martínez, amosaba o seu agradecemento á persoa que realizou o manto, “Graciela, que é deseñadora de vestimenta eclesiástica, polo tanto, viste ás Virxes e tamén se encarga da vestimenta do Papa Francisco”, así como a “Marta e Zulema que tiveron a amabilidade de traelo dende Bos Aires a Barcelona e logo Vilanova, fin do percorrido”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button