Con rigurosa puntualidade, ás dez da noite do Venres Santo, tralos numeroso devotos que tralo parón de dous anos pola situación sanitaria se congregaban a carón da igrexa parroquial, a imaxe da Virxe das Dores saía nun paso empurrado por catro mulleres para percorrer as empedradas rúas de Petín.
O profundo silencio no que se desenvolve é unha das características da procesión da Soidade, tamén chamada do Silencio e dos Caracois, un dos actos centrais da Semana Santa nesta localidade valdeorresa. De cando en vez, a comitiva fai un alto no camiño para escoitar o Miserere nas voces dun grupo de homes, outra das peculiaridades desta procesión.
A terceira e especialmente significativa característica é a peculiar iluminacion dunha das casas polas que pasa a comitiva, con conchas de caracois acesos na honra á Virxe, unha tradición que se mantén viva e ano tras ano atrae a atención dos asistentes.
Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.