En pleno mes de maio os veciños de Rubiá celebran as festas da Ascensión centradas nas figuras da Virxe do Camiño, da Inmaculada e de San Isidro, que arrancan hoxe e estenderanse ata o domingo día 12 cun importante apartado relixioso, pero tamén musical.
Así no mediodía deste xoves 9 de maio celebrábase o día grande das festas coa misa cantada polo coro parroquial e presidida polo Arcipreste de Galicia Juan José Prieto e catro sacerdotes máis da Pastoral do Barco, seguida pola procesión coa Virxe, de regreso á capela na que é custodiada durante todo o ano. A comitiva estivo acompañada pola charanga Os Imparables.
Mañá, venres 10 de maio, celebrarase outra procesión ás 12 horas, desta volta coa imaxe da Inmaculada ata a Aira de Outeiro, acompañada tamén pola música da charanga Os Imparables. O baile correrá por conta do grupo Arizona que actuará na praza da Baicela, en sesión de tarde e verbena.
O sábado, 11 de maio será a orquestra Marbella a encargada de amenizar o baile, en sesión de tarde e verbena, chegando á derradeira xornada de festexos, o domingo 12 de maio. Ese día haberá misa na honra a San Isidro ás 12:30 horas con procesión e bendición de campos. Ese será tamén o día en que os cativos que se estiveron preparando para a Primeira Comuñón, reciban por primeira vez o corpo de Cristo. O apartado musical correrá por conta da orquestra Salsarena.

De forma paralela e como novidade, dende o Concello proporán unha atracción para nenos e mozos. “Será unha actividade única na comarca”, adiantan dende a organización convidando a veciños e visitantes a desfrutar das Festas da Encarnación 2024.
Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.