CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

A voz de Anxo Rei pon o broche en Córgomo (Vilamartín) ás xornadas sobre Florencio

Na terceira e última sesión do programa, Ángel Fernández foi nomeado Irmán Maior da Irmandade de Florencio

Conferencias, viño, andainas, música, arte,… Ás xornadas “Coñece Valdeorras, coñece a Florencio”, non lles faltou detalle, pechándose no mediodía do 17 de novembro na terra do homenaxeado, Córgomo (Vilamartín).

Se nunha adega da Rúa (A Coroa) abríanse as xornadas o xoves, outra, desta volta de Vilamartín de Valdeorras acollía a clausura que comezaba cunha andaina por Córgomo, Arcos e Portela, e remataba cun aperitivo regado con viños de Valdeorras. No salón para eventos de Santa Marta, a concelleira de Cultura de Vilamartín, Amparo Rodríguez facía neste caso de anfitriona do acto, presentando aos ponentes desta última xornada: Ricardo Gurriarán e Xulio Pérez Veiga, que fixeron un percorrido pola obra que deu a coñecer ao poeta, Bebedeira.

Pérez Veiga recoñeceu que leva moitos anos estudando a obra de Florencio facendo nesta ocasión unha análise dos contidos poéticas da obra literaria. Na súa intervención asegurou que Bebedeira está formada por 32 poemas cun carácter “bastante homoxéneo, que lle dá a natureza de Valdeorras con todos os seus elementos. Poemas que rebousan plasticidade, uns máis románticos, outros máis rudos”. Mentres Débora Álvarez, directora das Letras de Florencio ía lendo pequenos fragmentos do poemario, o conferenciante foi degranando o seu contido. Poemas cunha falta “case” total do factor humano, sintetizado “nas nenas, como as chama o autor”, nos que aparecen moitas especies de árbores con referencias á paleta cromática da natureza; á flora, sendo a rosa a súa flor favorita; á fauna con especial predilección por paxaros como a Anduriña… “Florencio foi capaz de transformar en poemas todo o que o rodeaba e o seu Córgomo e Valdeorras en xeral, están presentes en todo o libro”, asegurou Xulio concluíndo a súa disertación co desexo común de conseguir un Día das Letras Galegas para Florencio.

Outro dos convidados á xornada foi Anxo Rei, cantautor valdeorrés que en 2003 publicou un traballo discográfico con poemas de Florencio musicalizados. No acto interpretou algúns dos máis coñecidos como Casou Don Godello con Dona Mencía, aos que fixo referencia previamente o conferenciante, e o acto pechábase co nomeamento de Ángel Fernández, gran coñecedor e admirador de Florencio, como Irmán Maior da Irmandade de Florencio, coa imposición do pin que así o acredita, por parte de Débora.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button