Galerías de fotosOurenseÚltima hora

A X “Festa da Palabra” homenaxea ao poeta ourensán Víctor Campio Pereira

No acto, celebrado na Ínsua dos Poetas (O Carballiño), tivo lugar o develamento da escultura “Caste” de Luís González Tosar

A décima edición da “Festa da Palabra” celebrada esta de semana na Insua dos Poetas, no Carballiño, rendeu homenaxe ao poeta ourensán Víctor Campio Pereira no seu 90 aniversario, falecido o pasado día 24 de xullo.

“Esta décima edición consolida a “Festa da Palabra” como a cita máis importante do verán cultural non só de Ourense, senón de toda Galicia”, sinalou no acto o presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luís González Tosar quen explicou que na Insua dos Poetas están xa instalados dez grandes das letras galegas: Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez, Eduardo Pondal, Celso Emilio Ferreiro, Xosé María Díaz Castro, Eduardo Blanco Amor, Francisco Luis Bernárdez, Dora e Pura Vázquez, Carlos Casares. E dende o sábado incorpórase “o poeta Víctor Campio Pereira incorpórase á nómina das voces que aquí respiran aire de liberdade, que alumean coa luz do seu espírito e que ofrecen un canto solidario, a verba que Víctor Campio comparte con Curros Enríquez, con Celso Emilio Ferreiro, con Eduardo Blanco Amor, con Pura Vázquez e, no próximo 2019, con Antón Tovar”, dixo o presidente da Deputación Manuel Baltar.

No acto, no que actuou como mantedor o escritor ourensán Xosé Luís Méndez Ferrín, tivo lugar a entrega dos premios “Insua dos Poetas” 2018 nas súas sete categorías. Nesta ocasión, o premio á categoría Medios de Comunicación foi para Cablevisión do Carballiño; o premio á Defensa e Conservación do Medio Ambiente” recaeu na Plataforma Mina de Touro – O Pino; o premio de Artes Plásticas foi para o artista e comunicador Siro López; o premio “Insua dos Poetas” 2018 á Emigración foi para Beatriz Carballo Regueira, actual secretaria da Asociación Hijos de Zas en Bos Aires. Na categoría de Iniciativa Empresarial a prol da cultura, o premio foi para o presidente de Viña Costeira Adega, Andrés Rodríguez. O premio á categoría de Acción Social foi, nesta edición, para o presidente da Fundación San Rosendo, Benigno Moure; e por último, o premio “Insua dos Poetas” 2018 na categoría de creación literaria foi para o escritor Bieito Iglesias.

Na festa tamén tivo lugar o develamento da peza escultórica “Caste” do tamén poeta, Luís González Tosar. “Trátase dunha peza simbólica da obra poética de Víctor Campio Pereira, na que se conxuga a expresión máis telúrica a través da deconstrución dunha roda de carro do país, elevada a unha escala de tres metros de diámetro, e elaborado cos mesmos materiais tradicionais: ferro forxado e con madeira de carballo do país, en diálogo co figurativo do home; a representación que coroa a estrutura, simbólico da forza da palabra”, en palabras do autor.

Artigos relacionados

Back to top button