ConcellosO BoloÚltima hora

A xerente do Inorde coñece a riqueza patrimonial do Bolo

A xerente do Inorde co alcalde do Bolo, no santuario das Ermitas.

 

O Inorde e o Concello de O Bolo analizan as estratexias que se poderán levar a cabo para impulsar o turismo neste municipio no marco do Xeodestino Manzaneda-Trevinca. A xerente do Inorde, Emma González, acompañada polo alcalde do Bolo, Manuel Corzo, e pola técnica de Turismo do Concello, Rita Sarmiento, coñeceu hoxe in situ a riqueza patrimonial que ofrece este municipio, que recentemente reforzou a súa oferta turística a través de visitas guiadas.

Esta nova iniciativa supón un pulo importante para “a reactivación e dinamización do sector turístico da zona”, indicaba a xerente do Inorde, quen dixo que é “unha oportunidade única para que os turistas poidan coñecer da man dunha persoa especializada, os recursos patrimoniais, históricos e culturais deste municipio”.

Durante a xornada, a xerente do Inorde visitou a fortaleza medieval do Bolo e o Santuario de As Ermitas, ambos referentes patrimoniais e históricos da provincia de Ourense, e que xunto aos muíños de aceite e aos tres miradoiros, completan a oferta turística do Bolo.

 

Outro dos momentos da visita, no castelo do Bolo.

 

Os interesados en gozar das visitas guiadas que ofrece o Concello do Bolo deberán solicitar cita previa a través do número de teléfono 606.017.105, co fin de organizar dita actividade para poder cumprir cos protocolos esixidos en cada momento pola pandemia. A guía encargarase de mostrar aos visitantes os atractivos patrimoniais do concello desde o mércores ao domingo, en horario de 11.00 a 14.00 horas o Castelo Medieval (mércores de 10.00 a 14.00 horas) e desde as 16.00 ás 20.00 horas (domingos de 15.00 ás 20.00 horas) atenderá aos que visiten o Santuario de As Ermitas.

Artigos relacionados

Back to top button