EconomíaEconomíaÚltima hora

A Xornada Castañeira dos Anguieiros (Montefurado), inmortalizada por unha parella de reporteiros belgas

 

Michèle e Jean Meuris chegaron por casualidade aos Anguieiros, na parroquia de Montefurado (Concello de Quiroga), o sábado 4 de novembro e alí pasaron o día impresionados pola acollida e os coñecementos sobre as tradicións que recibiron por parte da Asociación Boca do Monte.

A VII Xornada Castañeira presentábase con certo pesimismo dada a climatoloxía adversa que anunciaba unha fin de semana pasada por auga. E a verdade foi que esta circunstancia provocou que acudira menos xente que outros anos, aínda que quedou unha anécdota para a historia…

Ás 9 da mañá estaba prevista unha camiñada dende Os Anguieiros ata Seadur (Larouco), e xa alí coñecer a Cova da Xabreira, un proxecto emprendedor que se caracteriza por ofrecer experiencias enogastronómicas nunha cova tradicional recuperada dentro do conxunto etnográfico de Covas de Seadur.

 

No baixo dunha casa duns veciños.

 

A choiva constante e o vento levou a cancelar esa andaina dándose a casualidade de que por alí chegaron nese momento dous forasteiros con acento francés que foron tropezar xusto coa única persoa dos Anguieiros que falaba francés. Tratábase de Benji, un rapaz de orixe galego-francesa que viñera de Madrid expresamente á Xornada Castañeira e que puido facer de tradutor para a ocasión.

Estes forasteiros eran Michèle e Jean Meuris, unha parella de reporteiros belgas desprazados a Galicia para facer unha reportaxe audiovisual de carácter turístico-cultural. Segundo unha acreditación que presentaron, os dous son xornalistas e conferenciantes que pertencen á Asociación de Conferenciantes Francófonos de Bélxica (Association des Conférenciers Francophones de Belgique) e á Unión Belga de Periodistas e Escritores de Turismo (UBJET, Unión Belge des Journalistes et Ecrivains du Tourisme). Para a reportaxe tiñan como obxectivos principais gravar imaxes dun obradoiro de cantería de Poio, en Pontevedra; percebeiros traballando en Muxía; unha canteira a ceo aberto en Quiroga e as antigas galerías das minas romanas das Médulas.

O caso é que estes forasteiros belgas, aloxados en Quiroga tras coñecer o día anterior unha canteira de louxa, foron convidados a tomar café e licores como recibimento e despois uníronse a un pequeno grupo de socios para ir coñecer as covas de Seadur, concretamente a Cova da Xabreira. Alí viron a adega e a cova reconvertida a restaurante para rematar despois degustando uns viños mencía e godello, coñecendo así un lugar e vivindo unha experiencia coa que non contaban.

 

Brinde na Cova da Xabreira, en Seadur (Larouco).

 

E xa integrados no grupo volveron aos Anguieiros convidados por xente da asociación para xantar e quedar xa para o Magosto. De feito, participaron na preparación das castañas para asar, viron unha casa vella con caniceira e lareira, reviviron o asado ancestral das castañas no cacho sobre o lume e despois formaron parte do Magosto popular co resto de veciñanza e amigos/as que se achegaron pola noite para petiscar, comer as castañas regadas con viño e bailar ao son da música do grupo tradicional O Recanto. Jean Meuris, entusiasmado, non paraba de gravar mentres que a súa compañeira Michèle preguntaba, transmitíndolle os anfitrións dos Anguieiros unha chea de coñecementos e tradicións expresadas como podían, e se estaban preto os que se defendían en francés e en inglés, moito mellor.

Contra as dez da noite a parella de reporteiros belgas volvía para Quiroga, onde tiñan alugada unha casa turística, e despedíanse cunha grande gratitude pola acollida e xenerosidade de toda a xente da asociación. Quedou falado que para o ano sería ben que viñesen facer unha proxección da reportaxe e eles deron os seus datos para manter comunicación vía mail.

Texto e fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button