ConcellosO BoloÚltima hora

A Xunta autoriza o cambio de titularidade a prol do Concello do Bolo de varios treitos antigos da OU-533

O decreto aprobado hoxe polo Executivo autonómico producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia

 

O Consello da Xunta autorizaba hoxe o decreto polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello do Bolo de varios treitos antigos da estrada OU-533, xunto co seu dominio público viario. O Goberno galego, tras acometer o Concello as obras de acondicionamento da estrada de Cambela e a mellora de acceso ao lugar do Vao, financiadas pola Xunta, procede agora á transferencia á Administración local de dous treitos antigos da vía autonómica e un camiño de servizo, que suman 1,57 quilómetros de lonxitude.

Os traballos de acondicionamento desta estrada ao núcleo do Vao executáronse no marco dun acordo de colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e o Concello do Bolo que, ademais de executar as obras, se comprometeu a asumir a titularidade dos treitos antigos da OU-533: V-46, incluído o camiño de servizo, e V-47.

A transferencia tramítase agora de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que estable a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións implicadas. Co cambio de titularidade aprobado hoxe polo Consello da Xunta, o Concello terá a competencia para actuar nos citados treitos e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.

O decreto aprobado hoxe polo Executivo autonómico producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Plano dos treitos antigos da OU-533 obxecto da transferencia aprobada hoxe no Consello da Xunta:

 

 

Mellora da mobilidade

O Goberno galego destinou un investimento autonómico de máis de 90.000 euros no marco desta colaboración co Concello do Bolo para facilitar a mobilidade dos veciños deste municipio ourensán. Os traballos, xa rematados, consistiron na rexeneración do pavimento nun treito de case 2,1 quilómetros desta estrada que dá acceso ao Vao.

Máis en concreto, as actuacións de rehabilitación do firme realizáronse entre os puntos quilométricos 0 a 0,445 e do 1,170 ao 2,820, cunhas lonxitudes de 445 e 1.650 metros, respectivamente, e nun ancho constante de 4 metros.

As intervencións para a mellora do pavimento desta vía consistiron en realizar un dobre tratamento do firme, previa corrección das deformacións existentes na chaira mediante recarga de grava ou gravillón.

Tamén se realizaron tarefas de limpeza de cunetas para facilitar a circulación das augas de escorrentía e evitar que produzan danos no pavimento do camiño.

O Goberno galego segue traballando no fomento da mellora das infraestruturas viarias que favorecen o desenvolvemento económico e social e achegan unha maior calidade de vida á cidadanía no rural.

Artigos relacionados

Back to top button