OurenseÚltima hora

A Xunta cede maquinaria á Deputación de Ourense para distribuír entre os concellos da provincia

Entregáronse 5 camións, un deles con saleiro, 2 cuñas quitaneves, 2 esparexedores de sal e un equipo quitaneves para instalar nun todoterreo

 

Coa finalidade de contribuír ao mantemento das estradas en boas condicións, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas vén de ceder material e maquinaria que non usaba á Deputación de Ourense, para a súa distribución entre os concellos da provincia.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, compañado de Pablo Pérez, deputado provincial de Cooperación, participaba esta mañá na entrega de 5 camións, un deles con saleiro, 2 cuñas quitaneves, 2 esparexedores de sal e un equipo quitaneves para instalar nun todoterreo.

A Xunta ten despregado, desde o pasado 1 de novembro e ata o 30 de abril, o Plan de vialidade invernal na provincia de Ourense, cun dispositivo de 102 profesionais, 1.935 toneladas de fundentes e 6 centros operativos para “garantir a seguridade viaria e o bo mantemento das estradas autonómicas na provincia”. O dispositivo complétase con 50 máquinas, entre as que se contabilizan camións ou esparexedores de sal, para atender os máis de 1.000 km de estradas da Xunta na provincia.

Reunión cos representantes dos Centros de Información á Muller (CIM) 

 

Reunión telemática do delegado da Xunta en Ourense coas directoras dos CIM da provincia.

 

Na xornada deste venres, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, tamén mantivo unha reunión por videoconferencia coa Secretaria Xeral da Igualdade, Susana López Abella, e as representantes dos dezaseis Centros de Información á Muller (CIM) da provincia, para “coñecer de preto as súas achegas e necesidades, así como informalas das axudas e os recursos da administración autonómica á súa disposición”.

O Goberno galego segue mantendo todas as axudas e recursos do seu orzamento para atender ás vítimas de violencia de xénero, entre as que se inclúen as prestacións económicas, o asesoramento psicolóxico, de asistencia social e xurídica dos CIM e, no seu caso, o funcionamento das casas de acollida.

Outro dos asuntos trasladados na xuntanza foi o feito de que o Goberno galego está a traballar no reforzo e reconfiguración dos programas de conciliación da vida laboral e familiar, que adquiren un papel esencial durante os próximos meses. López Abella e Gabriel Alén incidiron que tralo decreto do Estado de Alarma e o confinamento, unha das principais preocupacións do Goberno galego foi o aumento de risco para as mulleres vítimas de violencia de xénero, sobre todo para aquelas que conviven co seu agresor, por iso subliñaron “o servizo e apoio ofrecido polos CIM é fundamental. “Ante a pandemia de coronavirus, todos os centros están funcionando, prestando atención vía telefónica e telemática e, mesmo, ofrecendo atención presencial naqueles casos de maior gravidade”, explicaron a secretaria xeral da Igualdade e o delegado territorial.

Artigos relacionados

Back to top button