SanidadeÚltima hora

A Xunta de Persoal do Hospital do Barco insiste en pedir o traslado do PAC ao Centro de Saúde desta vila

Exterior do Hospital Público de Valdeorras, no Barco.

 

Tras as recentes declaracións da Xerencia da Área Sanitaria de ourense, Verín e O Barco sobre a reforma prevista no PAC do Barco, a Xunta de Persoal do Hospital Público de Valdeorras vén de emitir hoxe un novo comunicado de prensa reclamando “o traslado do Punto de Atención Continuada (PAC) do Barco ás instalacións do Centro de Saúde do Barco, en liña co exposto polos traballadores” e, ademais, lembran que se trata dunha “reclamación histórica desta xunta de persoal” e que o citado centro de saúde está a 300 metros do hospital.

Sinalan así mesmo que, “se o Sergas quere mantar o PAC no hospital, o que ten que facer é acometer unha reforma de futuro, de todo o centro, enmarcada nun plan director que diferencie claramente as entradas do PAC e das Urxencias do HPV. É dicir, que os pacientes teñan claro onde están, se nun servizo de Atención Primaria ou nun de Atención Especializada. Algo que hoxe, nin coa reforma que se propón, sucede”.

Dende a Xunta de Persoal do HPV indícase tamén que “a reforma que se pretende levar a cabo non respecta as normas de circulación dos doentes, que din, que os circuítos de circulación teñen que estar separados e diferenciados entre doentes con Covid-19 ou sospeitosos de padecelo co resto de doentes sen síntommas Covid-19 e con outras patoloxías”.

Tamén deixan claro que a xunta de persoal non deu o visto bo á reforma, “o que si fixo a xunta de persoal e as organizacións sindicais que a compoñen foi non poñer impedimentos para que se utilicen os seus locais no Hospital Público de Valdeorras para a mellor atención aos doentes, como xa fixemos durante a primeira onda. Pero sempre como nos referimos neste comunicado, mostrando a nosa firme posición de que o mellor é o que aquí manifestamos. Non pode interpretarse de ningún modo que a nosa disposición é darlle o visto bo a unha reforma que non soluciona o problema”.

Artigos relacionados

Back to top button