CulturaEducaciónÚltima hora

A Xunta duplicará axudas as ANPAs que xestionen comedores escolares

Así o vén de anunciar o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez

Comedor escolar./ Imaxe de arquivo.

 

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou hoxe o colexio CEIP de Seara (Moaña), onde anunciou que a Xunta vén de formalizar o seu compromiso de duplicar as axudas destinadas a asociacións de nais e pais (ANPAs) que xestionan comedores escolares, elevándoas ata os 1,2M€. A finalidade destas axudas é sufragar parte dos gastos nos que incorreron estas entidades na prestación do servizo durante o pasado curso. O prazo de solicitudes xa está aberto.

Román Rodríguez avanzou, ademais, a reunión do Consello Escolar de Galicia o vindeiro luns para analizar o inicio do curso escolar. Neste sentido explicou que, tras a xuntanza do Comité Educativo o pasado venres, con esta nova convocatoria avánzase nos contactos con todos os membros da comunidade escolar para preparar a volta ás aulas.

Aberto o prazo ata o 27 de setembro

A convocatoria de axudas a ANPAs que xestionan comedores presta especial atención aos sobrecustos que supuxo a pandemia. Neste sentido, o orzamento total divídese en dous conceptos: un dirixido ao custo diario do menú, mantemento, persoal e limpeza e aos gastos ocasionados pola contratación de pólizas de seguro para a prestación do servizos; e outro destinado a sufragar gastos relacionados coa covid-19 (máscaras, material de desinfección e protección, etc).

Para o cálculo da axuda terase en conta, en ambos casos, a media de usuarios diarios do comedor escolar, e o seu importe poderá sufragar o 100% do gasto xustificado. Estas subvencións son compatibles con outras axudas para a mesma finalidade.

Poderán ser beneficiarias desta convocatorias as asociacións, federacións e confederacións de nais e pais de alumnado que xestionen, directa ou indirectamente, o servizo do comedor dos centros escolares públicos.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 27 de setembro e deberán presentarse por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button