O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e o presidente da Asociación de Comerciantes e Industriais da Praza de Abastos Nº1 de Ourense, Emilio González, veñen de asinar o convenio a través do cal a Xunta financiará a realización do plan funcional deste mercado rehabilitado na capital ourensá. A sinatura contou asemade coa presenza do director Xeral de Comercio, Gabriel Alén.
O documento, que estará elaborado no prazo aproximado dun mes, é o seguinte paso a dar para permitir o traslado dos praceiros ao edificio desde a súa actual ubicación provisional -na Alameda- e, ademais, impulsar a Praza de Abastos Nº 1 de Ourense como un eixo dinamizador da cidade. Neste sentido, elaborarase atendendo as propostas dos comerciantes e en coordinación e contacto directo cos técnicos municipais, e sempre tendo en conta as propias características singulares -e potencialidades- deste mercado.
O estudo incluirá aspectos básicos como a disposición dos postos interiores e as necesidades de electrificación e ventilación, ademais da valoración doutras cuestións consideradas como chave para o futuro deste espazo, como a reforma do Rianxo ou melloras na accesibilidade.
Todos estes aspectos quedarán recollidos no plan funcional, que sumará as diferentes necesidades de actuación -cunha estimación orzamentaria- e unha calendarización das obras. A partir de aí, a seguinte etapa será realizar o proxecto da primeira fase, que estará enfocada ao reinicio da actividade comercial no edificio histórico da Praza, sempre coas máximas garantías de confortabilidade para praceiros e clientes.
Nesta liña, o plan funcional inclúe a realización dunha análise do estado actual do edificio e a súa contorna tralas obras de reforma e rehabilitación e a análise das necesidades presentes e futuras dos comerciantes, como pasos previos á a elaboración do plan funcional da Praza de Abastos Nº 1 de Ourense, que será a folla de ruta que marque os seguintes pasos para impulsar este espazo comercial.