ConcellosO BarcoÚltima hora

A Xunta remata as obras da varanda do paso a ferrocarril na OU-622, ao paso polo Barco

As actuacións consistiron na colocación dun pasamáns e novos piares, así como na instalación dunha nova varanda similar á que había en varios puntos

Cedida.

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar as obras da mellora da varanda do paso sobre o ferrocarril na estrada autonómica OU-622, ao paso polo Barco de Valdeorras. “Esta intervención permitiu a adaptación da varanda previamente existente, mediante a instalación dun pasamáns a unha altura superior do paso, reforzándose coa colocación de novos piares. Ademais, no marco destes traballos, procedeuse á colocación dunha nova varanda, similar á que xa había en varios puntos, seguindo a normativa actual. As obras supuxeron un investimento autonómico de 48.000 euros”, segundo se informa dende a consellería.

Con esta intervención, a Xunta completa “a mellora da seguridade viaria e de accesibilidade executadas neste treito inicial da vía autonómica, coincidente coa avenida do Bierzo. Con estas obras dáse cumprimento ao acordado co Concello, tras desenvolver a Xunta as actuación de humanización deste treito da OU-622, entre os puntos quilométricos 0 e o 0+655, o tramo da vía cun carácter máis urbano, para reforzar a seguridade e facer máis humana a travesía e máis accesible a súa contorna”.

No marco co acordo coa entidade local, e logo de rematar as obras de mellora da seguridade viaria e da accesibilidade, o departamento de Infraestruturas da Xunta tramitou o cambio de titularidade a prol do Concello dos algo máis de 1,2 quilómetros de lonxitude da vía, comprendido entre a avenida Manuel Quiroga e o entronque coa rúa San Francisco Blanco, xunto co seu dominio público. Neste cambio de titularidade incluíuse as obras de paso viarias existentes sobre o ferrocarril e sobre o río Cigüeño, excluíndose a superficie dos cruces a distinto nivel situada baixo elas.

A transferencia da avenida do Bierzo a prol do Concello do Barco de Valdeorras é efectiva desde o pasado mes de xullo, momento desde o que o Concello ten a competencia para actuar en toda a avenida do Bierzo e a responsabilidade da súa conservación e mantemento.

O investimento final da Xunta na execución destas obras no treito urbano obxecto do cambio de titularidade, foi de máis de 715.000 euros, ao que houbo que engadir unha revisión extraordinaria de prezos polo incremento derivado dos custos dos materiais durante a súa execución, así como a actuación adicional que se vén de rematar na varanda. Isto eleva o investimento autonómico a un total de 835.000 €.

Artigos relacionados

Back to top button