SanidadeÚltima hora

A Xunta solicita licenza de obra para licitar a construción do novo Centro de Saúde da Rúa

O conselleiro de Sanidade reuníase onte co alcalde rués, Álvaro Fernández, para ultimar os trámites que permitirán iniciar unha obra que terá un orzamento de 2,4 millóns de euros

O conselleiro de Sanidade co alcalde da Rúa.

 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitaba onte o Concello da Rúa, e informaba ao seu alcalde, Álvaro Fernández, de que nos próximos días a Xunta solicitará formalmente a licenza de obra do novo centro de saúde de A Rúa, logo de completar a supervisión do proxecto arquitectónico. O outro requisito pendente para poder iniciar a licitación da obra era a formalización da cesión da parcela por parte do Concello. Despois da súa aceptación polo Consello da Xunta o mes pasado, o goberno local completou o proceso de cesión, como se certifica no documento notarial entregado polo alcalde ao conselleiro.

A finalización destes dous trámites paralelos abre o camiño para que a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), órgano da Xunta que ten encomendada esta actuación, poida licitar o contrato de obra. A AXI, dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, xa foi a encargada de licitar e adxudicar ao longo de 2022 o proxecto arquitectónico do centro, cuxo contido xa foi compartido co alcalde o pasado mes de xaneiro por parte da conselleira Ethel Vázquez.

O novo centro, cuxas obras se estima suporán un investimento de 2,4 M€, contará cunha superficie construída de máis de 1.000 m2. As instalacións constarán dunha área de adultos con 3 consultas de medicina xeral e 1 sala polivalente que pode ser usada como consulta médica; 3 consultas de enfermaría, e 1 sala de técnicas.

Tamén haberá unha área pediátrica cunha consulta médica, outra de enfermaría, sala de lactancia, e un aseo e sala de espera específicos e disporase dunha área da muller cunha sala de atención con aseo propio, unha sala de educación para a saúde, almacén e vestiarios.

“Iso significa para a poboación de A Rúa non só duplicar a superficie do actual centro de saúde, senón incorporar espazos que non existen agora como as mencionadas consultas de enfermaría pediátrica ou do programa da muller, así como a sala de educación sanitaria ou un despacho de traballo social”, segundo destaca Sanidade.

Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria

O Centro de Saúde da Rúa é un dos contemplados na fase 0 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado en outubro de 2021 polo Consello da Xunta e que contempla 51 actuacións de construción ou reforma en centros de saúde de toda Galicia.

Este documento definía a actuación na Rúa como unha das máis prioritarias pola falta de espazo físico e presenza de barreiras arquitectónicas no actual centro e propoñía como alternativa un novo edificio co mencionado Plan Funcional.

A execución desta infraestrutura sanitaria é froito do acordo de colaboración asinado entre a Consellería de Sanidade e o Concello da Rúa en abril de 2021, e conforme ao cal o concello adquiriu e urbanizou, co apoio da Deputación de Ourense, unha parcela destinada a cederse á Xunta para a construción deste centro.

Artigos relacionados

Back to top button