Con música, teatro, cinema e mesmo deporte se prepara o programa do Verán Cultural de Lubián, un concello zamorano situado tras as Portelas pero que conserva fondas raíces comúns con Galicia, que na tarde deste luns 5 de agosto abría coa xuntanza de bandas de gaitas o XVIII Festival Folk & Rock nas Portelas.
O evento musical comezaba en torno ás seis e media da tarde, coma sempre na Horta do Cura, coa actuación de bandas tradicionais: Silveiras do Támega (Laza), Es Rebrot (Mallorca) e a anfitrioa a Banda de Gaitas As Portelas na que toca o alcalde, Felipe Lubián, encargada de pechar o acto. Tamén estaba prevista a actuación de Atrapallada (Puebla de Sanabria) que finalmente non se presentaba, tal como explica o alcalde.
El mesmo xunto á concelleira de Cultura entregaban agasallos ás dúas bandas trala actuación, agradecendo a súa participación. Especialmente destacada era a da banda de Mallorca, que xa chegaba onte “participando na verbena coas súas coreografías e bailando canta peza tocaba a orquestra, impresionante”, asegura Felipe Lubián, facendo fincapé nas espectaculares voltas das saias, sen deixar de loar a paisaxe que os rodea “diferente á vosa terra, tamén fermosa”, dixo.
O festival continúa a partir das nove da noite, na Fontarbela, coas actuacións do gaiteiro Óscar Ibáñez, Entavía e Los Yolos. Mañá, martes 6 de agosto será o turno de Ruxe-Ruxe, Aullidos e Kirson Band.
Fotos: O SIL.